Pacto Social por unha Coruña contra as Violencias Machistas

Pechou a súa segunda fase con máis de 120 entidades adheridas

A Coruña | A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira, participou esta tarde no acto de peche da segunda fase do Pacto Social por unha Coruña contra as Violencias Machistas, ao que se sumaron 120 entidades da cidade e máis de 1.500 persoas a título individual.

O acto serviu para presentar os resultados das iniciativas desenvolvidas nesta segunda fase, na que se levaron a cabo accións de mobilización, información e participación en distintos barrios da cidade, así como accións formativas dirixidas a catro grupos de interese que “teñen unha grande importancia estratéxica para a cidade e gran capacidade de influír nas nosas vidas”, destacou Neira, “como son o tecido asociativo, os medios de comunicación, a hostalaría e o lecer nocturno”.

A concelleira destacou a importancia do pacto como unha das ferramentas fundamentais do compromiso do Goberno municipal coa loita contra a violencia machista e lembrou outras iniciativas como a posta en marcha dos puntos violeta, polos que pasaron máis de 2000 persoas este verán.

Tamén lembrou os ‘Ciclos de conversas’ no marco de datas conmemorativas como o 8 de marzo ou o 25 de novembro, nas que participaron case 3.000 persoas, na súa maioría adolescentes e mozas en idade de Educación Secundaria, así como tamén estudantes de ciclos de Formación Profesional.