Ouro en xestión hoteleira para a mosense Laura Pereira

Na categoría de recepción turística a nivel autonómico

Mos | Mos presume da súa campioa, medalla de ouro no Galiciaskills 2023 de Xestión de Aloxamentos Turísticos, Laura Pereira Ramilo, que se erixiu vencedora da súa categoría no 7º Campionato Galego de Formación Profesional, e representará á Comunidade Autónoma galega nestas olimpiadas a nivel nacional, que se prevé se celebren de cara a finais do vindeiro mes de abril de 2024.

Laura ten 20 anos e é veciña e natural da parroquia de Cela. Cursou os seus estudos de Educación Primaria no CEIP Atín-Cela e a ESO e o Bacharelato no IES de Mos. Actualmente estuda segundo curso do Ciclo Superior de Xestión de Aloxamentos Turísticos no CIFP Manuel Antonio.

A medalla de ouro en recepción hoteleira recibida por Laura Pereira o pasado 27 de outubro en Silleda certifícaa como a mellor preparada neste sector a nivel autonómico. O concurso só admite participantes menores de 21 anos e Laura participou xunto con outros 7 alumnos do seu centro, sendo a ela a única do mesmo que competía na especialidade de Xestión Hoteleira.

Galicia Skills prolongouse durante dous días de competición (25 e 26 de outubro) no recinto feiral de Silleda no que participaron 200 estudantes de 84 centros diferentes que se puxeron a proba nas 24 competicións oficiais, e a entrega de medallas celerouse o venres día 27.

Laura quixo destacar e poñer en valor tamén o papel e o labor do seu titor e profesor no CIFP Manuel Antonio, Roi Álvarez.

Pereira Ramilo destaca que “sempre souben que quería estudar Formación Profesional e descartaba a Universidade, tiña claro que quería formarme en algo relacionado co turismo porque me encanta a atención persoal, o contacto co público e me considero unha persoa moi sociable e empática”. Así mesmo asegura que “a preparación para os Galiciaskills foi dura e intensa, xa que ademáis das clases dedicáballe a preparar as probas 3 horas diarias 3 días á semana durante 2 meses”.

Deste xeito Laura adestrouse en chegadas e saídas de clientes, custes, reseñas e redes sociais… etc. para poder levar á cabo á perfección as 6 probas que tivo que realizar na competición en Silleda e que a levaron a acadar a tan merecida medalla de ouro.

Explica que se puxo “moi nerviosa pero a experiencia foi emocionante. Fixen unha gran amizade co resto de competidores e creo que este pode ser un trampolín de cara a futuras oportunidades laboráis”. De cara ao Spain Skills do próximo ano asegura que voltará “a traballar duro outra vez”.