
Ourense | A Deputación de Ourense volve converter a provincia no epicentro mundial da cultura tradicional coa celebración da XLI edición das “Xornadas de Folclore”, que terán lugar entre os días 10 e 20 de agosto. Este festival internacional, plenamente consolidado como unha das actividades culturais máis importantes do verán ourensán, foi presentado hoxe no Pazo Provincial polo vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; polo director artístico do festival, Xulio Fernández; o director do Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, Xabier Fernández.
Este evento cultural, que organiza a Deputación desde 1984, reunirá nesta edición a un total de 178 artistas integrados en seis agrupacións de prestixio internacional procedentes de catro continentes. O vicepresidente segundo da Deputación agradeceu o “gran traballo” que está a facer o Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” para sacar adiante un proxecto desta envergadura que converte á provincia de Ourense “no epicentro folclórico de Galicia”. Pola súa parte, o director artístico das Xornadas puxo en valor os 43 anos que leva en marcha este evento, no que en cada edición “tratamos de innovar e enriquecer os espectáculos”.
As formacións que encadran o cartel deste ano son: Armenia: Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center (30 artistas); Ecuador: Elenco Ñukanchik (28 artistas), Kenia: Kikwetu Afrika Music and Dance Group (25 artistas), México: Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua (31 artistas), Serbia: Folk Dance Group “Tucović” (35 artistas),Taiwán: YiTzy Folk Dance Theatre (29 artistas).
O festival recupera así o seu máximo esplendor e extensión xeográfica, despois de que na súa traxectoria só se vise interrompido polas restricións da pandemia en 2020 e 2021, e tras celebrarse en formato reducido no ano 2025 debido aos graves incendios forestais que afectaron á provincia.
Cooperación institucional e equilibrio territorial
Un dos grandes obxectivos da Deputación de Ourense a través deste evento é a democratización cultural e o equilibrio territorial, achegando espectáculos de primeiro nivel a todos os recunchos da provincia. Grazas á súa calidade organizativa, o festival é desde 1999 Socio Activo de pleno dereito de CIOFF-España (Confederación Internacional de Organizadores de Festivales de Folclore, organismo dependente da UNESCO), o que garante a presenza de agrupacións de recoñecido prestixio mundial.
Un programa dobre cada noite polas comarcas
O festival organiza aos grupos participantes en dous equipos que alternarán as súas actuacións cada noite para ofrecer espectáculos simultáneos de aproximadamente 100 minutos en dúas vilas diferentes. As actuacións serán de carácter gratuíto e preferentemente ao aire libre, dirixidas a un público familiar de todas as idades.
As xornadas comezarán o luns 10 de agosto, ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Ourense coa tradicional Cerimonia de Inauguración. A partir do día seguinte, a comitiva percorrerá os concellos de Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia.
Como datas sinaladas, o martes 18 de agosto a comitiva regresará á cidade de Ourense cun gran desfile desde o Parque de San Lázaro ata a Praza Maior, onde actuarán os seis grupos xuntos, unha cita monumental que se repetirá o mércores 19 de agosto no Auditorio do Castelo de Ribadavia antes da partida definitiva das delegacións o día 20.




