• Segue conectado
  • |

Os sumidoiros do Estado.

Cadernos da viaxe.

Téñome por persoa de lei. Ou, como diría a finada da miña aboa Antonia, por un home de orde. Velaí que cando foi o 11-M, no xa lonxano 2004, acreditase no relato do Ministro do Interior polo menos durante as primeiras tres ou catro horas, até que ben clariño ficou que mentía. Como mentira o seu Goberno todo poucos meses antes, canda a catástrofe (ambiental e democrática) do Prestige. Dende entón sigo a defender aos funcionarios policiais, mais desconfío sempre dos seus mandos políticos, quer Ministros do Interior, Directores Xerais da Policía e Garda Civil, quer Delegados do Goberno ou determinados Comisarios Xerais pata negra, que cren só responder perante o seu Ministro e a Historia.

Existen xa probas de cargo abondas que demostran a conspiración delictiva, cando non a autonomía de actuación á marxe de calquera control democrático, de enteiras unidades policiais. A chamada Policía Política ou Policía Patriótica, creada polo anterior Ministro do Interior, Jorge F, Díaz, semella xa unha realidade acreditada. Unha Policía usada fraudulentamente para combater o independentismo catalán-pacífico, compre non esquecelo-. Arrepíamos coas gravacións onde o Ministro animaba ao Xefe da oficina Anti-fraude catalá para espiar parentes de Francesc Homs, Artur Màs ou Oriol Junqueras, prometéndolle apoio aberto dende a Fiscalía e gabándose ambos os dous de terlles “desfeito a sanidade catalá”.

Que dicir do comisario Villarejo, sospeitoso de ferir a coitelo a unha doutora supostamente acosada polo Presidente de Ferroglobe, Javier López Madrid e de usar os medios da Administración en beneficio da súa axencia de información? Ou das interferencias a respecto das pescudas policiais sobre o duplex do ex presidente madrileño, Ignacio González, na Costa do Sol? Ou do absoluto ridículo de lle atribuir ao entón alcalde barcelonés, Xavier Triàs, a titularidade dunha conta falsa en Suiza?

Pois ben, até de agora só o Parlament catalá abriu unha pescuda oficial sobre estes feitos delictivos, mentres que PP, C’s e, até de agora, o PSOE (boa oportunidade para que Pedro Sánchez amose a remuda de paradigma) bloquearon até de agora calquera investigación a serio dende o Congreso dos Deputados.
Nunha democracia só nos poden investigar por orde xudicial. O outro chámase Estado policial ou Estado autoritario.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 25 Xuñ 2017.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies