Os socialistas alertan da bancarrota do Concello de Ourense

“Xestión irregular de Jácome e despilfarro de cartos públicos en obras irrealizables e inviables”

Ourense | O PSdeG-PSOE alerta de que o Concello de Ourense podería estar abocado á bancarrota pola xestión irregular do alcalde Jácome e o despilfarro de cartos públicos en obras irrealizables e inviables.

Así o manifestaron os socialistas da cidade nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que apuntaron á obra da rúa Concordia como o epicentro do despilfarro do alcalde e o principal expoñente de tres anos e medio de mandato marcados polo “escurantismo, a falta de modelo de cidade e as malas praxes na xestión pública”.

“Esta obra é o fiel reflexo do mandato de Jácome”, asegurou a voceira do grupo socialista, Natalia González, quen sinalou que a instalación das ramplas mecánicas na rúa onde o alcalde ten o seu negocio supón “soterrar cinco millóns de euros nun equipamento que non sabemos se imos poder manter” e representa a perfecta alegoría da “caída en picado” e o “descenso directo á bancarrota” ao que se encamiña o Concello de Ourense en mans do alcalde Jácome. “Ademais do elevado custo inicialmente previsto para esta obra, fíxose un modificado de proxecto á marxe do proceso de contratación que puxo en evidencia que o orixinal era unha chapuza, posto que se obviaron cuestións básicas como a instalación do colector de saneamento ou o acceso ás vivendas, e que temos constancia de que podería incrementar o gasto total nesta obra ata un 20 % do estimado, uns 700.000 euros”, salientou González.

Obras sen asignación económica
Así mesmo, a voceira do grupo socialista advertiu que hai obras en marcha na cidade que “non se van poder pagar posto que non hai diñeiro consignado” e criticou que se estean a anunciar proxectos coma os de Avilés de Taramancos ou Alameda do Cruceiro para vender “fume electoral”.

“Non se pode enganar á cidadanía mentres se están a baleirar as arcas municipais, se acometen praxes irregulares na contratación pública e se vulnera a transparencia, obstruíndo o labor de fiscalización da oposición”, alertou González, quen insistiu en que este neglixente xeito de actuar do goberno local podería conducir a que o próximo goberno municipal se atope cun Concello “en bancarrota e hipotecado”.

Neste sentido, dende o grupo socialista aseguran que o intento do alcalde de conveniar cun equipo de fútbol a través de fórmulas de cuestionable legalidade para executar a toda costa o seu plan de obras é outro exemplo da “clara falta de capacidade de xestión e bo goberno que cabe esperar dun representante público”.