
O Porriño | Unha emocionante Gala dos Premios Antonio Palacios no Porriño realizou unha homenaxe a recentemente falecida Adoración Carrera, Dora, incansable loitadora social para desestigmatizar a situación dos drogodependentes. A súa familia recolleu este Premio de Honra, “unha débeda impagable a Dora e a todas as nais” que participaron nesta loita, como asegurou no seu discurso o alcalde, Alejandro Lorenzo.
A gala tamén recoñeceu a traxectoria de CEAMSA (Compañía Española de Algas Marinas S.A.), o xérmolo do gran polígono industrial das Gándaras; á Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Rosais polos seus máis de 40 anos de activismo local; e o futbolista Juan Veiga, actual campión de liga co Porto F.C. Tamén destacou a realización do certame de Pintura Rápida Pintando a Palacios.




