Os Náufragos Teatro estrean na Guarda a súa obra “Hugo”

Ao abeiro do ciclo teatral da Deputación de Pontevedra

A Guarda | O Centro Cultural da Guarda acollerá este sábado 11 de novembro a función “Hugo”, a cargo da compañía Os Náufragos Teatro, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A representación dará comezo ás 18:00 horas no salón de actos do centro e a entrada será libre ata completar o aforo.

A peza teatral, dirixida ao público infantil e familiar, aborda a diversidade a través de dúas personaxes: Hugo, un neno a quen lle gustan moito os avións e ten Trastorno do Espectro Autista (TEA), e Laia, unha nena neurotípica a quen lle gusta falar e coidar das plantas.

“Hugo” foi galardoada co Premio María Casares ao mellor espectáculo para o público infantil en 2022, ademais de ser un dos espectáculos seleccionados en FETÉN 2022 e en Galicia Escena PRO 2022 e unha das obras recomendadas pola Rede de Teatros Vascos SAREA. A obra está dirixida por Gustavo del Río e conta cun texto creado co asesoramento e colaboración de ASPERGA, a Asociación Galega de Síndrome de Asperger.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.