Os maiores mosenses retoman a actividade pre pandemia

Con deporte, excursións e cursos municipais
No programa municipal “Exercítate” participan un total de 60 mulleres e homes mosenses.

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou esta mañá no Pavillón Óscar Pereiro aos usuarios e usuarias do programa municipal Exercítate, que inclúe clases de natación e ximnasia de mantemento e no que participan un total de 60 mulleres e homes mosenses.

Os horarios do curso de natación son os martes e xoves de 10.45 a 11.30 horas e os mércores e venres de 11.00 a 11.45 horas. Os horarios de ximnasia de mantemento son os martes e xoves de 11.45 a 12.45 horas e os mércores e venres de 11.45 a 12.45 horas.
O Concello de Mos retomou, tras o parón debido á COVID, un dos seus programas estrela, o devandito Exercítate, e retoma tamén as viaxes para os seus veciños e veciñas maiores de 55 anos.

A primeira viaxe conta con 45 participantes inscritos, terá como destino a Mariña Lucense, e realizarase a vindeira fin de semana: os días 22, 23 e 24 de outubro. Visitarán Foz, Burela, San Cibrao, Viveiro, Mondoñedo e Lugo. A idea é organizar outra excursión pronto, intentarase programar unha de balnearios durante o vindeiro mes de novembro.

Por outra banda, regresa tamén o programa municipal Tempo de Lecer que se imparte nos centros culturais, locais sociais e asociacións das parroquias mosenses e que inclúe algúns cursos máis orientados aos maiores como poden ser os de axilidade mental e memoria que se imparten en Dornelas (15 usuarios), A Cividade (13 usuarios) ou o Círculo Cultural Abrente (9 usuarios); o de uso do móbil-iniciación que se imparte na A.V.V. Nosa Terra de Pereiras (10 usuarios); entre outros.

Ademais AFAGA segue a impartir no Centro de Día de Petelos, sito no edificio da antiga Casa Reitoral, o Taller de Estimulación Cognitiva para maiores que conta con 12 persoas participantes.

Destes xeito, e recén iniciado o curso, preto de 200 maiores mosenses retomaron xa as súas habituais actividades deportivas, de saúde e lecer previas á crise sanitaria; o que desde o Concello de Mos considérase unha moi boa nova.

A alcaldesa de Mos explicaba a este respecto que “comezamos a retomar a normalidade agora que parece que quedou atrás a fase máis severa da crise sanitaria da COVID-19, xa que a veciñanza precisa recuperar as súas actividades deportivas habituais, que son altamente beneficiosas para os hábitos de vida saudables e para manter unha óptima saúde física e mental, sobre todo no caso dos nosos maiores”.

Por outra banda, no caso das tan demandadas excursións, Nidia Arévalo, rexedora local mosense declaraba que “os obxectivos deste tipo de iniciativas son dar resposta á demanda da cidadanía veciña de Mos que desexa volver a viaxar, facer visitas culturais e artístico históricas, favorecer o coñecemento doutras cidades e provincias, promover o turismo como ferramenta de lecer, aprendizaxe e socialización, impulsar a participación e integración social das persoas na comunidade, e previr a soidade”.  “Un aspecto moi importante a destacar deste tipo de saídas, é que fortalecen os lazos entre os veciños e veciñas fomentando a súa vez a autonomía persoal, as habilidades de socialización e o aprendizaxe, entendéndoo este como aspecto imprescindible a desenvolver ó longo da vida”, indicou Arévalo.

Outros artigos