Os límites da tolerancia: civilización fronte á barbarie.

Cadernos da viaxe

A presenza e actuación de Vox na Galicia, Catalunya e Euskadi vén sendo obxecto duna clara e sostida impugnación social e política. As últimas veces, nestas mesmas datas ou hai poucas semanas en Sada, Lugo, Cangas do Morrazo ou Compostela. Non se trata dunha mera desputa partidaria de conxuntura, senón dunha reacción profunda, xurdida da propia cidadanía e do tecido institucional destes países, fronte un proxecto político profascista que nega de plano a realidade plurinacional estatal, os seus dereitos lingüísticos e a diversidade social que os caracteriza. Diante desta realidade, xurde a pregunta inevitábel: como debe responder unha democracia liberal a respecto de quen utiliza as súas propias garantías para tentar destruila?

Cómpre contextualizamos o debate. A liberdade ideolóxica e o pluralismo político son os alicerces do Estado de Dereito, da civilización. E a civilización non pode perseguir a discrepancia. A nosa arquitectura constitucional -e a de calquera democracia europea avanzada- garante que todas as opcións políticas teñan cabida no debate público, sempre que respecten as regras do xogo.

Agora ben, é precisamente no respecto a esas regras por parte dos extremistas de Vox onde se atopa o nó da cuestión. Como formulou Karl Popper no paradoxo da tolerancia, unha sociedade que atura sen límites a intolerancia está condenada a ver destruída a propia tolerancia. A democracia non é un recipiente baleiro no que colle todo. E, por riba de todo, unha orde de valores fundamentais centrado na liberdade e dignidade humanas, na igualdade e na non discriminación por razóns de raza, sexo, xénero, ideoloxía e opinión.

Dende unha perspectiva xurídica, o artigo 10.1 da Constitución Española sitúa a dignidade da persoa como o alicerce da orde política e da paz social, mentres o artigo 14 prohibe calquera discriminación. Ningunha interpretación do dereito á participación política, recoñecida no seu artigo 23 ou da liberdade de expresión (artigo 20) pode servirse de cobertura legal para invalidar estes piares. O racismo, a xenofobia e o extremismo profascista non son “unha opinión máis”, senón ataques directos á condición de cidadanía.

“O racismo, a xenofobia e o extremismo profascista non son ‘unha opinión máis’, senón ataques directos á condición de cidadanía”

Na mesma liña, o artigo 17 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos prohibe expresamente o abuso de dereito, impedindo que se invoquen as garantías democráticas para destruír as bases do propio sistema. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), máximo intérprete dese Convenio e da xurisprudencia de dereitos fundamentais no ámbito do Estado español non recoñece que as expresións de odio racista, xenófobo ou homófobo estean amparadas na liberdade de expresión, como afirmou no caso Roger Garaudy vs France.

Fronte este perigo, o rexeitamento público a Vox achega un valor democrático de primeira orde como acto de autodefensa comunitaria. Mais, por desgraza, a dereita tradicional representada polo Partido Popular incorre nun erro estratéxico e político gravísimo: asumir e validar os marcos conceptuais, a linguaxe e a axenda ultra de Vox para obter axiña o Poder. O PP, contra o que ten desenvolvido-na súa maioría- a dereita conservadora europea non contén o extremismo, senón que o lexitima e homologa. Ao desprazar a “xanela de Overton”, o PP despreza o cordón sanitario que na Europa (nomeadamente Alemaña ou Francia) protexeu historicamente ás institucións, abrindo a porta á normalización de discursos incompatíbeis cos dereitos humanos.

A democracia liberal non pode ser inxenua nin suicida. Recoñecer a liberdade ideolóxica de todos non implica conceder ao extremismo un salvoconduto para esfarelar o Estado de Dereito dende dentro. As garantías constitucionais existen para protexer a liberdade, a igualdade e a dignidade, nunca para lle dar abeiro a quen busca destruílas.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.