Os empresarios organizaron en Pantón un foro sobre dixitalización

Francisco Conde falou sobre eficiencia e internacionalización

Pantón | Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, salientou en Pantón que a dixitalización, a eficiencia enerxética e a internacionalización son tres dos obxectivos estratéxicos recollidos na axenda de Galicia a través dos Orzamentos de 2023.

Conde participou no II Foro Think Tank, organizado xunto coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) no marco do programa Conecta Lugo, e que nesta ocasión se celebrou baixo o lema Ribeira Sacra: aposta de futuro. Conde sinalou que este encontro permite poñer en valor a excelencia do sector agroalimentario da zona; dos seus viños; e da aposta que se está a facer polo turismo sustentable; poñendo así en valor “que a Ribeira Sacra é Galicia Calidade”. A saída aos mercados exteriores é un dos grandes retos que afronta o tecido empresarial, sumado á transformación dixital e a transición enerxética, segundo Conde.

Iso fai, segundo explicou, que a cultura da eficiencia e a sustentabilidade teñan que estar hoxe en día na axenda de calquera empresa para poder facer fronte ao impacto que o prezo eléctrico ten sobre os custos de produción.

Entre os grandes proxectos que se prevén na provincia de Lugo destacan a fábrica de fibras téxtiles de Altri, en Palas de Rei; a planta de Cafés Candelas; o centro de produción de biometano de Bioenergía Lugo; e os novos investimentos no Polo Aeroespacial de Galicia.

Pola súa parte, José Luís Cabracos, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, destacou que Galicia conta con 36 produtos de calidade diferenciada que se verán reforzados coa nova Lei da Calidade Alimentaria de Galicia, que actualmente está na súa fase de tramitación.

Dixo que esta norma contribuirá a que estes produtos de calidade alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva.