Os “Embaixadores do Viño” de Fenavin, en Ourense

O obxectivo é realizar diversas actividades ao longo do ano

Ourense | Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense, recibiu no Centro Cultural Marcos Valcárcel ao “Corpo Diplomático” de Fenavin, a feira vitivinícola máis importante de España e que se celebra en Cidade Real, para darlles a benvida “á provincia galega vitivinícola por excelencia”.

No pasado mes de marzo, antes da última edición de Fenavin, constituíuse este corpo diplomático que integran as persoas nomeadas como “Embaixadores do Viño”, todas elas destacadas en diferentes ámbitos profesionais, a proposta de Manuel Villanueva, membro fundador do colectivo e fillo adoptivo da provincia de Ourense.

O obxectivo é realizar diversas actividades ao longo do ano, sendo precisamente a primeira delas o encontro que manteñen en Ourense, provincia escollida polo seu valor vitivinícola ao contar con catro denominacións de orixe e con caldos de ampla calidade e recoñecemento nacional e internacional. Trátase de que este encontro sirva como instrumento de colaboración, promoción e posicionamento de Ourense nos escenarios máis importantes do sector vitivinícola, nos que Fenavin é un dos máximos expoñentes.

Programa do encontro
Durante o encontro, os participantes tiveron a oportunidade de abordar cuestións como a saúde e o viño nunha mesa redonda moderada polo xornalista Xabier Fortes e na que participaron o cardiólogo Manuel Rayo e o médico ourensán Chechu Jiménez.

Tamén presentaron públicamente un decálogo do corpo diplomático, a modo de manifesto de intencións, e mantivéronse conversas nas que participaron o director de Fenavin, Manuel Juliá, e os representantes das denominacións de orixe da provincia, maioritariamente cos presidentes, que asistiron ó encontro, e nas que se avanzaron posibilidades de colaboración e desenvolvemento de iniciativas de interese mutuo a curto e medio prazo.

Entre os embaixadores que asisten a este encontro, ademais do director de Fenavin, Manuel Juliá, e o director xeral de Mediaset, Manuel Villanueva, estiveron presentes as actrices Mónica Molina e Concha Cuetos; o presidente do Grupo empresarial Miguel Bellido, Félix Bellido; Francisco García Caridad, periodista deportivo; a psicóloga clínica do F.C Barcelona, Inma Puig; o ilusionista Jorge Blass; o director de Marca, Juan Ignacio Gallardo; a xornalista e escritora Marta Robles, ou o xornalista e presentador de TVE 24 Horas Xabier Fortes. Asistiu tamén una delegación institucional en representación da Deputación de Cidade Real, promotora de Fenavin.