Os elfos levan a súa maxia ao Nadal no Covelo

Grazas ao voluntariado do grupo “Fábrica de felicidade"

O Covelo | Como cada ano os elfos de nadal visitan o Concello de Covelo para facer maxia e inundar de ilusión cada recuncho, por este motivo o Concello convida a toda a cidadanía a participar no grupo de voluntariado “Fábrica de felicidade” que xa comezou a traballar para preparar o desfile navideño.

Cada luns pola tarde os baixos do pavillón municipal convértense nun almacén de ideas dispostas a facerse realidade.

Fitas de cores, adornos e un amplo despregue de imaxinación para deseñar e realizar as carrozas que desfilarán por parroquias e centro urbano.

Animados por un chocolate quente e un bo biscoito caseiro as e os voluntarios fan da xornada de traballo unha festa e preparan todo para a chegada dos elfos. Como cada ano as persoas voluntarias participarán, ademais, no desfile e formarán parte da comitiva que visita a residencia de maiores, o centro educativo, as parroquias e os locais de hostalaría, entre outros lugares.

Voluntarias e voluntarios animan ás veciñas e veciños a achegarse e compartir as tardes dos luns porque ademais de contribuír de aprender manualidades uns doutros, bótanse unhas boas risadas e deixan unha pegada solidaria na historia da vila.

Pavimentación do camiño das Searas en Paraños
O camiño das Searas entre Cotarel e As Medelas, na parroquia de Paraños, convértese nunha pista asfaltada logo dos traballos que nestes días executa o Concello de Covelo co obxecto de mellorar os accesos ás propiedades.

En palabras do alcalde, Pablo Castillo, “unha obra moi demandada pola veciñanza das Medelas para poder acceder ao centro da parroquia en Cotarel e que da servizo ás parcelas de uso agrícola e gandeiro de As Searas”.

No marco do Plan de Melloras de Camiños Municipais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) xa se realizaron obras na pista das Veigas e Camiño das Rochas no lugar de Mera, en Barcia de Mera, e agora en Paraños sumando as dúas 93.990€. En Paraños realízanse obras de limpeza, desbroce e pavimentación nun tramo de arredor de 2.500 metros cadrados cun custo total de 50.373€.

Ámbolos dous camiños presentaban moitos baches e unha zona de rodadura en formigón ou terra, inexistencia de cunetas en moitos tramos e pasos estreitos que dificultaban o tránsito.

Por estes motivos executáronse traballos de escavación, desmontaxe de peches e muros para o ensanche da vía, limpeza e apertura de cunetas para a mellora da drenaxe, limpeza de caños e arquetas obstruídas, instalación de tubaxes e arquetas novas así como salvacunetas para canalizar as augas, colocación de muros de perpiaño de pedra granítica e pavimentación ademais de mellorar a seguridade viaria co pintado de marcas viais e colocación de sinalización onde proceda.