Os alcaldes de San Xoán de Río, Manzaneda e Riós destacan no cumio da OCDE en Colombia

Asistiron máis de cen rexedores de varios países latinoamericanos

Ourense | Os alcaldes populares de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blécua; Manzaneda, Pedro Yáñez; e a alcaldesa de Riós, Eva Barrio, participaron esta semana no Cumio Global de Economía Circular que se celebra na cidade colombiana de Ibagué, organizado pola OCDE (Organización Internacional para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico), onde destacaron o rural ourensán como exemplo de economía circular en aspectos como a xestión da auga e do lixo, o uso das enerxías renovables ou a importancia da gandeiría nas economías locais.

Os tres rexedores interviron nunha das sesións da oitava mesa redonda organizada neste cumio, onde se analizou a economía circular como unha aspiración para as comunidades locais, especialmente las latinoamericanas.

Trala intervención da delegación ourensá, o popular Xosé Miguel Pérez Blécua, destacou a excelente oportunidade que lles brindou este encontro da OCDE para poñer en valor “o xeito de coidar do rural que temos en Galicia”, achegando experiencias, exemplos concretos e mesmo desafíos nos seus respectivos territorios ante cuestións como o ciclo da auga; a xestión do lixo; a promoción de produtos tradicionais que marcan o sector primario nunha comarca, como é o caso da castaña; as vantaxes do uso de novas tecnoloxías para aumentar a eficiencia enerxética; ou o impacto positivo en múltiples aspectos que ten o fomento da gandeiría.

Pérez Blécua tamén subliñou a presenza neste cumio de máis de 100 alcaldes e alcaldesas da América latina, “o que nos permitiu ofrecer unha interesante visión de como se están a facer as cousas en Ourense e Galicia, detallando desde a perspectiva rural cales son as nosas prioridades, avances e desafíos que aínda temos que afrontar para seguir potenciando a economía circular”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.