Os 6º Premios ARDÁN distinguiron á excelencia empresarial galega

Zona Franca reuníu en Vigo a máis de 450 representantes do mundo empresarial, político e social

Vigo | O Auditorio do Pazo de Congresos Mar de Vigo celebrou a excelencia empresarial galega na Gala dos Sextos Premios ARDÁN que, un ano máis, organizou a Zona Franca de Vigo e á que se sumaron máis de 450 persoas en representación da vida empresarial, económica, política e social de Galicia.

Nun evento conducido pola actriz e creadora Alejandra Martínez de Miguel, a viguesa Roeirasa, con 6 indicadores ARDÁN, liderou a clasificación das empresas galardoadas xunto á Compañía Española de Algas Mariñas e Hermasa, tamén da área de Vigo; Aluman Sistemas, Igalia e Torus Software Solutions, da provincia da Coruña; e Cuvida, de San Cibrao das Viñas.

Ademais, a Gala aplaudiu o Premio Especial á Traxectoria Empresarial a Stellantis como referente na economía e motor industrial do sur de Galicia, ademais de contribuír á fixación de poboación, o desenvolvemento e o benestar social na área de Vigo.

O delegado Especial do Estado na Zona Franca, David Regades, felicitou ás empresas galardoadas nunha Gala “que é a máis representativa da economía en Galicia”. “O que estas compañías lograron non é nada fácil con criterios tan rigorosos como os que teñen estes Premios. Analizáronse 45.000 empresas galegas e só o 3% conseguiron indicadores”.

O delegado do Estado, que defendeu “esta Galicia real, a que fabrica coches eléctricos e conectados, a que fai satélites, a Galicia tecnolóxica, a dos semiconductores fotónicos ou os novos sectores industriais e que está á vangarda do mundo. En definitiva, a Galicia da economía”.

Regades aplaudiu o traballo e o talento do tecido empresarial, as institucións e a cidadanía, “porque estamos no camiño correcto, xerando valor engadido e apostando pola calidade do emprego. Seguimos avanzando, dixo, e os proxectos que veñen son moi ilusionantes”.

Neste sentido, lembrou que a Zona Franca poderá poñer xa este ano a primeira pedra da factoría de semiconductores fotónicos e poderá sacar xa a licitación o HUB TIC de López Moura. O delegado tamén se detivo en “unha especial felicitación para un xigante como é Stellantis, que ao longo dos anos supuxo unha motor clave para o crecemento de Vigo e que é quen xera o 21% da economía da cidade e o 12% do emprego en toda a súa comarca. Este Premio Especial tamén é un recoñecemento a todos os seus traballadores e traballadoras da planta máis produtiva de Europa”.

Precisamente, o director xeral de Stellantis Vigo, foi quen recolleu a distinción de mans de David Regades e do alcalde Abel Caballero. José Luis Alonso Mosquera puxo en valor que “Stellantis e o sector de automoción en Galicia funcionamos cun modelo cooperativo moi eficaz, ao que contribúen as administracións públicas nun exitoso marco de colaboración público-privada”.

Para o director da planta de Vigo, “percorremos xuntos a historia configurando unha excepcional simbiose. O noso reto segue sendo a eficiencia e a competitividade e o modelo de colaboración que desenvolvemos resulta fundamental para asegurar o noso futuro. Así, poderemos seguir dando continuidade á traxectoria que hoxe se distingue neste evento”.

Alonso Mosquera finalizou dicindo que “o noso compromiso é seguir avanzando coa mesma ambición: a máxima eficiencia. Agradecemos moito esta distinción que se nos concede e contamos coa Zona Franca de Vigo e co resto dos actores na rexión para que nos axudedes -prolongando a traxectoria que hoxe se premia- a manternos na vangarda da automoción e a mobilidade”.

Na súa intervención, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou a Stellantis polo seu recoñecemento, así como ás empresas premiadas este ano. O alcalde tamén se referiu á importancia do traballo que fai ARDÁN: “é unha guía insubstituíble para o coñecemento e utilización de todas as empresas de Galicia”.

O evento contou, ademais, co coloquio conducido por Ana Fuentes que, coa presenza de expertas como Silvia Leal e Tati Ballesteros, e o CEO de Alén Space, Guillermo Lamelas, centrouse na era dixital, os novos sectores tecnolóxicos, a xestión do talento e o liderado empresarial. A Gala puxo o punto final cun concerto íntimo da cantautora Paula Mattheus, unha das voces máis prometedoras da nova onda de artistas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.