
José Diéguez Dieppa é actualmente Deán-Presidente do Cabildo da Catedral de Tui, Canónigo Prefecto de Liturxia da Catedral e Párroco de San Xoán Bautista de Panxón (Nigrán) É, por tanto, unha das principais figuras no marco da coordinación do 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui, que dará comezo o vindeiro 30 de novembro.
Estamos ante o 800 aniversario da consagración da Catedral. Qué significado ten para Tui, Galicia e o mundo cristiá?
É a inauguración do Ano Jubilar. A Santa Sede concedeunos unha indulxencia especial plenaria con motivo do oitavo centenario da Catedral tudense. De acordo a unha normativa de 1225 realizada polo Bispo Esteban Egea, quen é o que consagra a Catedral, a celebración farase como todos os anos o 1º de decembro, caso contrario se cadra en día domingo, que pasaría entón a celebrarse do día 2. O 30 de novembro o que se celebra é a Festa de San Andrés Apóstolo.

Sobre o significado da celebración hai que ter en conta que, ademáis de celebrarse o seu 800 aniversario, a Catedral de Tui é unha das poucas que reflicten a transición do románico ao gótico. Por tomar un exemplo, a Catedral de Santiago é románica, aínda que ten unha fachada barroca, e cumpriu o seu 800 aniversario en 2011.
A Catedral ten unha gran riqueza de patrimonio histórico. Qué destacaría como os máis importantes?
O propio Templo Catedralicio que, como xa comentei, é testemuña dunha transición do románico ao gótico. O Claustro Gótico é o único medieval que se conserva nun complexo catedralicio. Outro patrimonio relevante é a conservación da memoria da celebración da fe, presente no seu Arquivo Catedralicio. Tamén está o Altar da Reliquia Renacentista que conserva o relicario de San Telmo, especialmente importante porque é o Patrono da nosa Diócese.

Nese Arquivo hai pergaminos, cédulas Papais, manuscritos como o Pasionario Hispánico, da que se conserva a súa orixinalidade medieval e na que están reflectidas as vidas dos Santos. É un exemplo de cómo pervive a vella liturxia hispana, posteriormente romanizada tralo Conventus Bracarensis. O manuscrito é unha testemuña do culto de San Telmo, un santo do século XIII, e dos feitos prodixiosos que rodearon a súa vida e a súa morte. En 2046 celebraremos outro oitavo centenario, o da morte de San Telmo. O Arquivo tamén contén outros documentos históricos como a cédula de Dona Urraca.
“A Catedral de Tui é unha das poucas que reflicte a transición entre o románico e o gótico”
Estanse realizando obras de remodelación da Catedral para este evento?
Estamos facendo un gran esforzo para conservar e restaurar a nosa riqueza patrimonial. Temos un plan moi ambicioso que é adaptar dependencias que están no Claustro para o novo Museo Diocesano e Catedralicio e así potenciar a visita cultural catedralicia tomando en conta que o edificio é unha testemuña do paso de diversos momentos da vida histórica eclesial e civil.
Quero salientar que este novo Museo deixa libre o edificio que ata agora ven ocupando o Museo Diocesano e Catedralicio, o antigo Hostal de Peregrinos e onde estará o novo Arquivo Histórico da Catedral e da Diócese. Isto permitirá unha maior seguridade e facilidades loxísticas para estudosos e investigadores. Tamén estamos avanzando na dixitalización dos arquivos, na mellora das instalacións eléctricas da Catedral e do novo Retablo de Santiago Apóstolo co patrocinio do Cabildo Catedralicio. Igualmente queremos finalizar o Órgano da Catedral porque non ten tódolos rexistros necesarios.
Cómo está sendo a difusión en torno á imaxe de marca conmemorativa?
Estamos traballando na súa respectiva difusión xunto co Comité de Honra que combina a parte civil coa eclesiástica. Neste Comité, ademáis do Cabildo da Catedral, o Concello, a Xunta de Galicia, a Delegación do Goberno, a Deputación de Pontevedra e a CCDR-Norte de Portugal, están tamén os Reis de España, Felipe VI e Letizia de Borbón, e o Presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa.
“Estamos facendo un gran esforzo para conservar e restaurar a nosa riqueza patrimonial”
Están confirmadas esas presenzas para a celebración da Catedral?
Ata agora non teño constancia de que exista esa confirmación. Debemos ter en conta que esas xestións as leva o Concello. Obviamente estamos esperanzados en que podan estar os Reis e o Presidente portugués.
A programación continuará en 2026?
Si, estamos avanzando nunha programación tanto pastoral como cultural e artística que aínda non está completamente pechada.
Vivimos momentos de convulsos, conflitos, de tensións permanentes ante cambios incertos. Tomando en conta que Vde. é un representante da fe, qué mensaxe pode dar coincidindo con esta conmemoración da Catedral?
Unha mensaxe de esperanza. É o que o Papa Francisco quixo que vivera a Igrexa e que a Igrexa ofrecera ao mundo neste Ano Santo Romano. O Papa quixo que foramos Peregrinos de Esperanza en Cristo, un compromiso para mellorar tanto a nivel persoal como nas relacións cos demais.
A Catedral é unha testemuña elocuente de diversos acontecementos históricos. Pasou de presenciar a unidade da diócese as suas divisións, especialmente no caso do Reino de Portugal. Pero ó mesmo tempo a Catedral está aí como un vínculo de unidade porque é a porta de Portugal cara Santiago de Compostela. Está no medio do Camiño, animando e axudando. É un vínculo que en vez de separar, une.





