Orientación laboral en Ponteareas para a mocidade da comarca

Charlas a alumnado de ESO e ciclos formativos

Ponteareas | Ponteareas continúa impartindo diferentes charlas nos centros educativos de Ponteareas e da comarca para colaborar na orientación laboral de mozos e mozas. Uns encontros co alumnado que “permiten abrir amplos espectros profesionais para a mocidade, que son o noso presente e o noso futuro”, como destaca a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández.

Durante este mes de marzo a orientadora impartiu estas charlas de asesoramento vocacional e formativo ao alumnado dos últimos cursos de ESO e do ciclo de Informática do IES Pazo da Merced, así como ao dos ciclos medio e superior de Aministrativo e aos do superior de Educación Infantil do EFA A Cancela.

Nestes encontros ofrécese ao estudantado información sobre formación regrada e non regrada, informándoos da formación para o emprego á que poden acceder a través de distintos portais institucionais unha vez teñan finalizados os seus estudos.

Ademais tamén se lles informa sobre as diferentes opcións dentro do emprego público e privado ou sobre a busca xenérica e específica por sectores a través de portais de emprego, asociacións ou clusters empresariais, entre outras opcións. A edil socialista salienta a importancia destas charlas e anima a todos os mozos e mozas que o precisen a acudir ao Centro de Desenvolvemento Local e solicitar cita coa orientadora laboral para coñecer a realidade laboral e as diferentes posibilidades ás que poden optar.