Oia e Vigo buscan fórmulas para mellorar a asistencia sanitaria

Acordaron a alcaldesa Cristina Correa e o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente

Vigo | O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, e a alcaldesa do Concello de Oia, Cristina Correa, mantiveron unha xuntanza para buscar fórmulas de mellora da atención prestada nestes momentos á poboación dese concello.

Trátase dunha situación puntual e conxuntural, motivada pola carencia absoluta de médicos na listas de contratación para realizar substitucións nesta época estival.

A día de hoxe, os 2 médicos de familia do centro de saúde de Oia están en situación de baixa laboral e ante a imposibilidade de dispor de substitutos, a dirección sanitaria conseguiu dar cobertura a esas ausencias a maior parte da xornada, grazas á colaboración de facultativos doutros concellos, que aceptaron realizar prolongacións da súa xornada laboral en Oia.

Sen embargo, estas coberturas ten xerado algúns desaxustes das axendas de citación, polo que o xerente e a alcaldesa acordaron reforzar os circuítos administrativos para mellorar a xestión desa demanda e a comunicación coa poboación.

Catro persoas positivas no cribado
No transcurso da xuntanza ambos dirixentes tamén trataron o tema do cribado realizado o pasado luns día 5 en Oia, ata onde desprazouse un equipo de profesionais sanitarios para realizar a proba PCR a 418 veciños convocados, a maioría nun rango de idade entre 18-40 anos.

A participación acadada foi dun 55,9%; isto é,participaron 236 persoas nas que se diagnosticaron 4 casos positivos.