O XXII Festival de Cans promete ser “intenso”

Alfonso Zarauza, Nerea Barros, Uxía Senlle e Adriano Campos serán os artistas recoñecidos nesta edición a celebrarse do 20 ao 24 de maio

O Porriño | A aldea de Cans xa respira ambiente de festival. Esta mañá celebrouse no Torreiro o acto de presentación oficial do XXII Festival de Cans, que terá lugar entre os días 20 e 24 de maio, reunindo unha vez máis o mellor do cinema galego e estatal nun dos eventos culturais máis singulares do país.

O acto contou coa participación do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; do director da AGADIC da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil; así como de representantes das principais empresas patrocinadoras, como Cristina Canosa por Estrella Galicia, Melisa Pagliaro por Gadis e Ana Rus por Lonza. Tamén estiveron presentes a actriz Isabel Blanco e o director do festival, Alfonso Pato.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou o papel do festival como motor cultural e social: “Cans é un espello no que se amosa o mellor da nosa comunidade. Non é só un festival, é parte do noso ADN como concello. É identidade, dinamismo local e compromiso colectivo.”

Lorenzo puxo tamén en valor o carácter integrador do festival, que transforma espazos cotiáns en escenarios de cine: “Aquí a cultura nace das casas, dos galpóns, dos camiños e do corazón da xente. Esa conexión co territorio é o que fai de Cans algo irrepetible.”

O acto serviu tamén para lembrar os homenaxeados desta edición, catro figuras que encarnan á perfección o espírito do Festival de Cans. O director Alfonso Zarauza será distinguido co Premio Pedigree pola súa traxectoria exemplar no cinema galego. Tamén recibirán os Chimpíns de Prata a actriz e directora Nerea Barros, a artista Uxía Senlle e Adriano Campos, o veciño máis lonxevo da aldea, memoria viva do lugar, colaborador nos documentais colectivos do festival, membro do xurado veciñal e actor veterano da Compañía Fontevella.

Nesta XXII edición, o festival ofrecerá máis de 150 actividades, con seccións que apostan pola creación colectiva, a memoria e o talento local. A programación inclúe actos tan emotivos como a inauguración da Rúa Efémera Cruz Risco, a homenaxe ao Can de Pedra e á veciña Alicia Sánchez, así como a colocación da placa ao homenaxeado Adriano Campos. O público poderá gozar tamén do documental colectivo Proxecto Cans 303, das rutas literarias con Iria Misa e Carlos Meixide, e do tradicional roteiro musical de Xurxo Souto. Non faltarán as exposicións, os concertos, o concurso Pintar o Cine, nin as esperadas procesións de chimpibuses, que percorrerán a aldea e o Porriño cheas de música. O festival culminará o sábado 24 coa gala de entrega dos premios Cans de Pedra no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río.

Durante a presentación, destacouse o apoio do Concello do Porriño, que mantén un compromiso firme coa continuidade e crecemento do festival. Xunto a el, recoñeceuse tamén o respaldo da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, así como a implicación das empresas patrocinadoras. Subliñouse, ademais, a importancia da colaboración entre institucións e dunha veciñanza que entende a cultura como un ben común e compartido.

O acto rematou coa tradicional foto de familia e a presenza simbólica dos chimpíns, sinal de identidade do festival, que un ano máis converterá esta aldea nun epicentro de cine, memoria e creatividade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.