O XI Festival IKFEM celebrarase entre Tui e Valença

Do 20 ao 25 de xullo cun cartaz de música e cultura

Santiago de Compostela | Durante 6 días os lugares máis emblemáticos de Tui e Valença converteranse nos escenarios de concertos de música, mostras creativas, encontros e reflexións sobre as artes, na undécima edición do IKFEM, nesta ocasión con renovadas ideas e propostas creativas para todos os públicos.

Desta volta o espazo artístico ábrese cara á lusofonía, coa participación de Brasil, e cunha sensibilidade especial cara á lingua que une a tres culturas: a portuguesa, a galega e a brasileira.

A ponte internacional volverá ser o escenario do arranque do festival cun espectáculo que sorprenderá aos asistentes. Desde os seus inicios, IKFEM identificouse a esa estrutura en forma de celosía construída en 1884 (aínda que inaugurada en 1886) que permitiu unir as históricas cidades de Tui e Valença. Unha ponte que serviu de fronteira entre dous países e que hoxe representa a unión de dous estados membros da UE, nun espazo común denominado a “Eurocidade”.

Convocatoria IKFEM CREATIVA
Entre as grandes novidades desta edición está a posta en marcha de IKFEM CREATIVA, un espazo vivo onde promocionar de maneira colaborativa o talento local galego e portugués: música, gastronomía, danza, moda, pintura, literatura e teatro, entre outras disciplinas.
Os interesados en participar poden desde xa inscribirse na páxina web do festival (www.ikfem.com). A convocatoria estará aberta ata o 10 de xullo, tanto para creativos galegos como portugueses.

De entre todos os rexistrados, a organización realizará unha selección dos mellores creadores e seranlles asignados espazos de venda, exposición e demostración en vivo, poñendo todos os medios necesarios para cada actividade. Os creadores de Tui e Valença terán prioridade na selección. IKFEM é, ante todo, a maridaxe de xéneros musicais, de estilos, de orixes e cores, e nesta edición incorpórase un novo elemento que completa esta razón de ser pluricultural: a fusión escénica de dúas xeracións. Encontro de Geraçoes reunirá dúas xeracións e tres historias entre Galicia, Portugal e Brasil, unidas pola paixón e pola música.

Os escenarios
Son moitos os edificios e lugares de gran valor arquitectónico e cultural os que adoitan acoller as distintas actuación. En concreto, 25 espazos recoñecidos a ambos os dous lados da fronteira.

Un deles é a propia Catedral de Tui, unha obra románica que iniciou a súa construción no ano 1120 pero que non foi consagrada ata 1225 e que é considerada a xoia patrimonial da cidade. Do outro lado da ponte, o escenario máis recoñecible é a emblemática Fortaleza de Valença, onde terán lugar varias das actuacións musicais programadas nesta undécima edición, cuxa programación completa será presentada próximamente en Santiago de Compostela.

Sobre IKFEM
IKFEM foi fundado co obxectivo de ser un instrumento de cooperación e situar a Galicia e ao norte de Portugal como capital cultural da Península Ibérica. Converte os lugares naturais e arquitectónicos más emblemáticos en escenarios para disfrutar da súa riqueza patrimonial coas artes e un público interxeracional. A 11ª edición de IKFEM conta co apoio da Eurocidade Tui-Valença, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, AECT Galicia-Norte de Portugal, Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España (AIE), Acción Cultural Española (AC/E), Fundación Segundo Gil Dávila, Direção Regional de Culltura do Norte de Portugal, Instituto Camões.