O “Viglobal Summit” pretende ser un foro económico bianual

A edición 2023 reflexionou sobre os retos da economía global

Vigo | Dous Premios Nobel de economía e unha vintena de representantes de coñecido prestixio internacional debateron no Auditorio Mar de Vigo os días 27 e 28 de xuño sobre o presente e o futuro da economía mundial no marco do “Viglobal Summit 2023”, un evento que celebrou o 75º aniversario da Zona Franca de Vigo.

O atractivo do cartel estaba concentrado en Paul Krugman, Premio Nobel en 2008, e Abhijit Banerjee, premiado en 2019. Tódolos participantes achegaron as súas respectivas visións sobre a economía global, con particular foco na post-pandemia, os efectos da guerra de Ucraína, a recesión mundial vixente desde 2008 e os retos que afrontan a dixitalización e a Intelixencia Artificial (IA), a transición histórica cara unha economía dixital, así como os beneficios da cultura do emprendemento e a formación en capital humano.

Baixo a condución do xornalista galego Xabier Fortes, o “Viglobal Summit 2023” foi inaugurado polo alcalde de Vigo Abel Caballero e o catedrático da UVigo, Santiago Lago Peñas. Caballero anunciou que comezarase a traballar coa Zona Franca para facer do Viglobal Summit “un foro económico de carácter bianual”. “Eu son o alcalde da economía porque estou na cidade da economía” afirmou o rexedor vigués.

Posteriormente foi a quenda da moi agardada ponencia de Krugman, quen falou das políticas económicas post-pandemia. Krugman amosou o seu “optimismo” no relativo ao control da inflación pero deixou clara a súa preocupación “polo que se aveciña co cambio climático”. O outro Premio Nobel, Abhijit Banerjee, clausurou o evento realizando unha crítica análise do sistema sanitario en EE.UU.

O “Viglobal Summit” tivo cabida para tres mesas redondas nas que participaron personalidades como Antón Costas, presidente do Consejo Económico e Social de España; Bisila Bokoko, CEO de BBES; Lupina Iturriaga, fundadora de Fintonic; Rudiger Ahrend, xefe do departamento de emprendimento da OCDE; Inma Puig, conferenciante internacional que estivo no departamento psicolóxico do Fútbol Club Barcelona.

Tamén estiveron presentes Juan Carlos Escotet, presidente de ABanca; a xornalista Martí Saballs; Mariona Vicens, directora de Innovación e Transformación Dixital de Caixabank; Antonio Ramalho, ex CEO de Novo Banco; Rita Estévez, conselleira independente de MoraBanc e Línea Directa; o profesor da London Business School, Andrés Rodríguez-Pose; Cristina García-Peri, directora de Desenvolvemento Corporativo e Estratexia do Grupo Azora; Pedro Siza Vieira, exministro de Economía de Portugal; e a catedrática de Economía da Universidad de Barcelona, Elisabet Viladecans.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.