
Vimos de pasar o Samaín e camiñamos cara ao Nadal. Sen embargo, este ano non é coma os demais. Nestes finais de 2026 tivemos, e aínda temos, que asistir a feitos uns inesperados e outros que, non por esperados, se presentan coa normalidade que se debera agardar.
Falamos, obviamente, dun feito desgraciado que, aínda podendo ser previsible, non deixa de ser dramático: a morte de seres inocentes que viaxaban tranquilamente nun tren que debera levalos aos seus destinos previstos. Non foi así. Un desgraciado accidente truncoulle a vida a ducias de viaxeiros. Sen embargo, o que non deixa de ser unha desgracia que todos debemos lamentar, sérvelle a algúns metidos a políticos —que se presentan como os salvadores do universo— para nos amosar a súa peor cara: aquela que se aproveita da desgraza allea para os seus réditos particulares.
Estando en vésperas dunhas eleccións xerais, e nada mellor pensan estes novos redentores que darlle caña ao goberno. «Xa case que non precisamos facer campaña das nosas ofertas cando cheguemos ao Goberno», pensa esta xente. Porén, isto, con ser mesquiño, non deixa de ser carnaza para todos eses milleiros de veciños españois que teñen a mente obnubilada e non ven máis alá do que lles permite a súa intelixencia miserenta e baleira. Aceptan o que lle poñan diante con tal de dar satisfacción a esas miradas de curto alcance. Contra esta enfermidade aínda non se descubriron antídotos. Dentro de poucos días atoparémonos diante dunha urna electoral para meter dentro unha papeleta que vai marcar o rumbo desta nosa terra por uns cantos anos.
O normal sería que cada quen fixese unha análise retrospectiva e descubrise que tal lle foi nestes últimos anos dentro das calamidades que todos, dun xeito ou doutro, vimos de padecer. Aquí metemos aos chamados “de coche de alta gama” e aos que viaxan en autobús ou, coma moito, en coches de pequena cilindrada. Estes son a maioría dos que cada mañá se erguen para asistir, aínda que sexa sen moitas ganas, aos seus postos de traballo. Son esta maioría quen debera facerse unha análise retrospectiva sen escoitar cantos de serea nin aduladores que só buscan facerse cun bo asento nesas institucións do Estado nas que, con tal de asistir, xa teñen gañado o cocido.
“O normal sería que cada quen fixese unha análise retrospectiva e descubrise que tal lle foi nestes últimos anos dentro das calamidades que todos, dun xeito ou doutro, vimos de padecer”
Os chamados fillos de papá non teñen por que preocuparse. Os seus proxenitores xa llo dan todo mascado; só teñen que tragar e non protestar. Son os outros, os milleiros de currantes que ven perigar o seu futuro porque non hai pastel para todos e o pasteleiro xa ten o reparto feito de antemán. Colexios nos que non se entra se non es fillo de papá; universidades nas que, se non es quen de enfrontarte con éxito aos libros e demais material, non te preocupes: a parte do pastel que teus pais veñen entregando cada ano por ti xa se encargará de mover os fíos precisos para que ti poidas lucir ese gran día o teu vestido de licenciado coa orla correspondente.
As eleccións non son para que elixamos aos mellores administradores dos recursos desta nosa pel de touro; son para deixar claro que aquí ninguén pode ter a ousadía de mover os marcos chantados dende que o mundo é mundo. Que podemos facer, logo? Pois para que non nos sintamos defraudados de por vida e nos auto convenzamos de que vivimos nunha sociedade na que cada quen ten o que se merece, non nos deixemos vencer polo abatemento, e menos pola rabia, porque esta si nos pode levar a situacións que non controlamos.
Sexamos nós mesmos, aínda que todas as novas se nos mostren en contra. Sempre nos queda a dignidade: a defensa daqueles principios que fan sentirnos nós mesmos, donos dos nosos destinos, aínda que teñamos que elixir un camiño que non foi marcado por nós.
Como xa están aí á porta as festas de Nadal, gardemos unhas moedas para esa tarta que nos merecemos.
Que vostedes voten ben, sen medos, coa ilusión de que nalgún lugar deste universo noso haberá un recuncho no que vivir eternamente sen políticos, nin foro, nin cregos, como di o poema galego.





