O TSXG ratifica que as canteiras de Atios (O Porriño) son Monte Comunal

Confirma así a validez da sentenza de febreiro de 2018

O Porriño | O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en sentenza datada o 14 de novembro de 2022 (é dicir, onte mesmo), vén de rexeitar o recurso de casación interposto polo concello do Porriño contra a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra de 22 de marzo deste ano, e ratifica tanto a de apelación como a sentenza de primeira instancia do xulgado nº 3 do Porriño de 28 de febreiro de 2018. E faino dun xeito contundente: AS CANTEIRAS UBICADAS NO MONTE CARRASCAL E LAXEDO SON MONTE COMUNAL sen ningún xénero de dúbidas.

Unha sentenza histórica que confirma o que os comuneiros e veciños de Atios sabemos dende tempo inmemorial e que, despois de anos de loita nos tribunais, agora se ratifica para a eternidade. Unha sentenza que da unha labazada xurídica aos argumentos sostidos no recurso polo avogado do concello e que DEIXA EN EVIDENCIA AO ALCALDE ALEJANDRO LORENZO E AO GRUPO MUNICIPAL DO PP no concello do Porriño. E afirmamos isto porque foi persoalmente o alcalde quen decidiu presentar o recurso seguir adainte cun preito que se sabía perdido. Secundado polos concelleiros do seu partido, desoiu por dúas veces o mandato do pleno, que por maioría votou en contra do recurso.

O alcalde debe asumir agora toda a responsabilidade deste fallo xudicial, porque ademais a sentenza IMPÓN AS CUSTAS Á PARTE RECURRENTE, E DICIR, O CONCELLO, a quen lle corresponde agora asumir o custo do preito. O señor Lorenzo debe responder tamén políticamente pola súa decisión, que nós criticamos duramente porque sabíamos que estaba errada desde o principio. Os veciños de Atios non deberan esquecelo.

Labazada xurídica ao Concello
Desde un punto de vista xurídico a sentenza non ten desperdicio, xa que desbota con lóxica aplastante todos os argumentos do avogado municipal. En primeiro lugar, critica a presentación do recurso por infracción procesal, xa que hai xurisprudencia abonda en sentido contrario, e o letrado do concello debera sabelo. En resumo, os maxistrados veñen a dicir que a sala do TSXG que analiza o caso, non é competente para ver o suposto de infracción procesal, e sostén ademais que non se vulnerou ningunha lei na sentenza de apelación ditada pola Audiencia.

No fondo da cuestión, sácalle as cores ao concello cando pretendía desmontar que o monte comunal de Atios non estaba identificado, xa que no caso de Budiño invalidouse a parte do deslinde que asinaron as dúas comunidades. Básicamente, o TSXG di que se o caso de Budiño xa foi xulgado iso non afecta para nada á demanda de Atios, porque nada ten que ver Atios co preito da parroquia veciña e non eramos nós parte nese procedemento. Outra labazada maiúscula.

O TSXG reforza a validez e verosimilitude das probas achegadas na demanda, tanto o informe pericial de Ángel Bravo, fundamental para o éxito do preito e que foi ratificado na vista oral polo perito xudicial solicitado polo concello; como o relato manifestado pola veciña do Carbón Ramona Maceira, a única que a xuiza do Porriño deixou comparecer na sala para dar testemuña. Son probas máis que suficientes para dar por absolutamente identificado desde un punto de vista histórico e xurídico o monte Carrascal e Laxedo como de titularidade comunal dos veciños de Atios desde a noite dos tempos.

A sentenza imponlle as custas ao concello, porque presentou un recurso cando sabía que non había argumentos para a infracción procesal, e no caso da casación, sabía tamén que non cabía unha reinterpretación da proba que quedara ratificada en segunda instancia.

Ábrese unha nova etapa para Atios
A partir de agora Atios é dona dos seus recursos. Seremos os veciños os que ingresemos as rendas das canteiras (veremos cantas quedan, cantas pagan e en que condicións). Ábrese unha nova etapa, que afrontaremos con prudencia e serenidade. Disporemos de máis fondos para acometer obras e subvencións.

A prioridade desta comunidade de montes é precisamente esa, o monte, e aí destinaremos boa parte dos recursos. Pero somos conscientes que toda a parroquia ten dereito a ser beneficiada co diñeiro procedente do arrendamento das canteiras e dos terreos que ocupan as empresas.

No seu momento abordaremos esas cuestións. agora toca ceLebrar este éxito hisitórico de toda a parroquia. Nos próximos días anunciaremos as decisións que se vaian tomando. NORABOA A TODOS OS VECIÑOS QUE SEMPRE CRERON NOS DEREITOS DE ATIOS!