
Ponteareas/BNG | O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galiza vén de resolver a suspensión cautelar da contratación da concesión do servizo do ciclo integral da auga de Ponteareas, tras o recurso especial interposto por unha das empresas licitadoras.
Así o destapou o BNG, que xa advertira no Pleno das numerosas dúbidas que rodeaban a tramitación deste expediente e preguntara abertamente ao goberno “que teñen que ocultar?”. O Bloque denunciara a falta de transparencia do procedemento, cuestionara a contratación da consultoría encargada da valoración das ofertas e alertara de posibles irregularidades na tramitación.
O BNG considera que esta decisión evidencia a enorme inseguridade xurídica que rodea un dos contratos máis importantes do Concello. “Estamos ante un expediente que acumula reclamacións e recursos de distintas empresas participantes no proceso, o que proxecta unha preocupante falta de garantías e de confianza sobre a súa tramitación e desmonta o relato de normalidade que tenta construír a dereita”, sinalan.
Malia todo, o Bloque lembra que esta suspensión ten carácter cautelar, polo que será o Tribunal quen determine agora, unha vez analizado o fondo do recurso, se procede ou non estimar as alegacións formuladas pola empresa recorrente.
Dende a formación nacionalista xa advertiran que non era aceptable tramitar un contrato que compromete a xestión da auga durante os próximos 25 anos mediante plenos extraordinarios e urxentes, convocados con escasas horas de antelación, impedindo unha análise rigorosa da documentación e evitando responder ás cuestións formuladas pola oposición.
“O goberno de PP e ACIP preferiu acelerar a toda costa este expediente en lugar de ofrecer transparencia e garantías. Agora é un órgano independente o que decide paralizar cautelarmente o procedemento mentres estuda o recurso presentado. Agardamos que o goberno de Castro e Carrera actúe con responsabilidade, respecte as resolucións do Tribunal e dea as explicacións que ata o de agora se negou a ofrecer”, conclúe o Bloque.




