“O Teu Xacobeo” levará o Camiño de Santiago a Cualedro, Laza e Monterrei

A través de visitas teatralizadas no marco da actividade "Acción en Ruta"

Monterrei | O patio de armas da fortaleza medieval de Monterrei acollía na mañá de hoxe a presentación en público do programa de visitas teatralizadas no Camiño de Santiago impulsadas polos concellos de Cualedro, Monterrei e Laza. Actividades que se executarán durante os meses de verán en diferentes localidades dos tres municipios baixo o suxestivo título “Acción en Ruta”. Eventos todos incluídos dentro do programa “O Teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia para promover os valores do ano xacobeo por toda a xeografía galega.

“Dende a Xunta de Galicia apostamos por aproveitar a efeméride do Xacobeo como estímulo despois dun ano e medio moi complicado para o sector turístico”

“Dende a Xunta de Galicia apostamos por aproveitar a efeméride do Xacobeo como estímulo despois dun ano e medio moi complicado para o sector turístico. O programa no que se enmarca esta actividade (O Teu Xacobeo) pretende por tanto crear unha ampla oferta cultural en tempo estival, pero tamén un produto que axude a dinamizar as economías locais diversificando esa oferta por diferentes puntos do territorio”, afirmaba o Xefe do Servizo de Turismo Cecilio Santalices.

O programa arrancará cunha actuación nocturna o 25 de xuño no castelo de Monterrei, que terá a súa replica na noite seguinte (26 de xuño) no núcleo de Laza e xa en horario de mañá, o domingo 27 de xuño, no lugar de Montes (Concello de Cualedro). Idéntica secuencia repetirase nas fins de semana do 9, 10 e 11 de xullo e 27, 28 e 29 de agosto. Variando neste caso as localizacións nos tres municipios e a propia trama.

Presentación da actividade no Castelo de Monterrei.

“Cada visita responderá a unha trama concreta, con personaxes e escenarios diferentes como se dunha serie televisiva se tratara. O obxectivo é que calquera persoa poda vir e sorprenderse en todas e cada unha das convocatorias con loitas entre cabaleiros, amoríos, amizades sinistras… Estes son só algunhas das moitas temáticas das visitas. Todas sempre deseñadas coa máxima rigorosidade histórica con textos redactados por historiadores especialistas en didáctica patrimonial”. Apuntaba Manuel Gallego da entidade Xeitura S.Coop.Gal. que coordinará o programa.

 

Estas visitas forman parte dun proxecto máis amplo que pretende diagnosticar o estado de conservación e posibilidades de desenvolvemento do patrimonio cultural e natural dos tres concellos. Dende o mes de maio un equipo de arqueólogos, historiadores e historiadores da arte percorren diferentes localidades dos municipios promotores co fin de redactar un informe de valoración patrimonial.

“É obxectivo prioritario dos tres concellos a recuperación do patrimonio como motor de desenvolvemento local”

“É obxectivo prioritario dos tres concellos a recuperación do patrimonio como motor de desenvolvemento local. Creando unha oferta complementaria á propia atracción turística que supón o castelo de Monterrei e permitindo ao tempo diversificar no territorio a súa incidencia económica”, apuntaba Xosé Luís Suárez como rexedor do Concello de Monterrei e en nome dos alcaldes Luciano Rivero e Xosé Ramón Barreal, dos municipios de Cualedro e Laza respectivamente.

Toda a información poderá encontrarse na web www.accionenruta.gal, lugar onde se realizarán as inscricións que se abrirán o próximo luns 14 de xuño.  As actividades serán de balde ata completar aforo, cumprindo en cada momento os protocolos marcados polas autoridades sanitarias fronte a COVID-19.