
Ourense | A Agrupación Socialista de Ourense celebrou no Auditorio Municipal “Raíces de futuro. Un encontro coa nosa historia”, un acto que reuníu diferentes xeracións do socialismo ourensán para conmemorar 130 anos de historia e, sobre todo, para recoñecer ás mulleres e aos homes que a fixeron posible.
Militantes de base, compañeiras e compañeiros con décadas de afiliación, antigos secretarios e secretarias xerais, concelleiros e concelleiras das distintas corporacións democráticas, responsables institucionais, Xuventudes Socialistas e representantes actuais da organización compartirán unha celebración construída arredor dunha idea: a historia do socialismo ourensán non pertence a uns poucos nomes, senón a todas e cada unha das persoas que contribuíron a escribila.
O encontro percorreu a traxectoria da Agrupación desde as súas orixes, a resistencia e a recuperación da Democracia ata a presenza socialista no Concello de Ourense desde 1979, recordando tamén as diferentes etapas nas que os socialistas asumiron a responsabilidade de gobernar a cidade. Pero “Raíces de futuro” non pretende ser un exercicio de nostalxia. A celebración dos 130 anos coincide co inicio dun curso político especialmente significativo: en maio de 2027 celebraranse eleccións municipais e o socialismo ourensán afrontará esa cita cunha nova etapa e un fito na súa propia historia.
Natalia González, primeira candidata socialista á Alcaldía
Por primeira vez, unha muller será a candidata do Partido Socialista á Alcaldía de Ourense. Natalia González Beneitez, secretaria xeral da Agrupación e portavoz do Grupo Municipal Socialista, encabezará a candidatura do PSdeG-PSOE nas eleccións municipais de 2027. A súa proclamación culmina unha longa traxectoria política e orgánica e abre unha etapa na que, por primeira vez en 130 anos de historia, unha muller asumirá a responsabilidade de liderar o seu proxecto para a cidade.
González chega á candidatura despois de máis de dúas décadas de militancia e tras desempeñar diferentes responsabilidades orgánicas e institucionais. En 2019 e 2023 xa aspirara a encabezar a candidatura socialista, que finalmente lideraron Rafael Rodríguez Villarino e Francisco Rodríguez, respectivamente.
A súa candidatura incorpora, ademais, outra posibilidade inédita en Ourense: converterse na primeira alcaldesa da historia da cidade. A conmemoración servirá así para unir nun mesmo espazo tres tempos dunha mesma organización: a memoria de quen abriu camiño, o recoñecemento a quen continuou percorréndoo e unha nova xeración que asume agora a responsabilidade de escribir a seguinte etapa.
“Hoxe non celebramos cargos nin nomes propios. Celebramos 130 anos de persoas. Das que gobernaron e das que estiveron na oposición; das que asumiron responsabilidades e das que nunca as necesitaron; das que abriron a sede, estiveron nunha mesa electoral, pegaron carteis, participaron nunha asemblea ou defenderon estas siglas nos momentos fáciles e, sobre todo, nos difíciles. Esta historia é de todas e de todos”, destacou durante a súa intervención.
Esa reivindicación da militancia constituíu o fío condutor dun acto no que se recoñeceu expresamente a contribución das distintas xeracións da Agrupación.
Cada catro anos
Baixo o lema “A mesma causa. Un novo tempo”, a celebración combinou material audiovisual e documentación histórica con distintos bloques de recoñecemento á militancia veterana, aos responsables orgánicos que dirixiron a Agrupación e aos homes e mulleres que representaron ao socialismo ourensán na Corporación municipal desde a recuperación da Democracia.
As Xuventudes Socialistas ocuparon tamén un lugar propio na celebración como expresión da continuidade dunha organización que chega aos 130 anos precisamente porque cada xeración foi quen de recoller o testemuño da anterior. “Ningún de nós chegou aquí só e ningún de nós comeza de cero. Herdamos unha historia enorme, feita tamén de momentos difíciles, de erros, de acertos e, sobre todo, de compromiso. Temos a obriga de coñecela, de respectala e de ser quen de entregarlla á seguinte xeración máis forte do que a recibimos”, afirmou.
O encontro tivo tamén unha especial significación pola presenza de representantes das diferentes etapas do socialismo municipal ourensán. Persoas que compartiron siglas e compromiso ao longo de case medio século de Democracia volveron coincidir nun mesmo espazo, xunto coa militancia actual e as novas xeracións.




