
Santiago de Compostela | O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) presentou esta tarde en Santiago de Compostela as súas propostas para o agro e o medio rural de cara á próxima lexislatura 2026-2030, nun acto ao que asistiron representantes de partidos políticos, organizacións sindicais e movementos sociais.
A presentación tivo lugar no local nacional do Sindicato Labrego Galego, e correu a cargo da súa Secretaria Xeral, a gandeira María Ferreiro, e do Secretario de Acción Sindical, o apicultor Brais Álvarez. O encontro desenvolveuse arredor dunha mesa moderada por Diego Sánchez Agra, Secretario de Organización do SLG, e contou coa presenza do BNG, PSOE, Sumar, o Foro Galego de Inmigración e a Plataforma pola Sanidade Pública.
As labregas e os labregos, no centro
O SLG reclama que o goberno que saia escollido nas urnas o vindeiro 29 de novembro sitúe o sector agrario e a alimentación entre as súas prioridades políticas. A organización considera que a próxima lexislatura será determinante para o futuro do medio rural, xa que coincidirá co remate da negociación do orzamento agrario europeo para o período 2028-2034 e co deseño da Política Agraria Común (PAC) que se aplicará durante eses seis anos.
Este proceso desenvolverase nun contexto de crise estrutural do sector primario, agravada polas sucesivas crises internacionais, enerxéticas, económicas e climáticas, que están a comprometer a viabilidade económica de centos de granxas agrarias.
Nas nosas propostas, defendemos o dereito a unha alimentación saudábel para o conxunto da poboación e un medio rural vivo, o dereito á saúde, á vivenda e a unha vida digna, tanto no rural como nas zonas urbanas
A realidade das granxas galegas
Os datos evidencian a gravidade da situación. Segundo o Censo Agrario de 2020, o 41% das persoas responsábeis da granxas no Estado español superaban os 65 anos. Ademais, entre 2020 e 2023 desapareceron o 12,4% das granxas, segundo os datos do INE. En Galiza, a evolución tamén é preocupante: o número de solicitudes da PAC reduciuse arredor dun 40% nos últimos trece anos. Dos 35.871 beneficiarios rexistrados en 2013, pasouse a 27.117 en 2017, 22.462 solicitudes en 2025 e 21.123 en 2026. A situación demográfica das granxas reflicte igualmente a falta de relevo: só o 5,5 % das persoas titulares teñen menos de 40 anos, mentres que o 48,3 % superan os 65.
A concentración da produción e a desaparición progresiva de granxas están a ter consecuencias directas sobre o territorio. No sector lácteo, por exemplo, pasouse de máis de 9.500 granxas que entregaban leite en 2015 a menos de 4.900 na actualidade. Un proceso que ameaza non só a actividade agraria, senón tamén o mantemento da vida nas parroquias e nos concellos rurais.




