“O sangue das promes(s)as: Incêndios”, abrirá a nova tempada do Teatro Principal en Ourense

Sarabela Teatro e a Escola da Noite de Coimbra estrean unha das obras máis recoñecidas de Wajdi Mouawad

Ourense | O Teatro Principal de Ourense acolleu a presentación de “O sangue das promes(s)as: Incêndios”, a coprodución internacional de Sarabela Teatro e A Escola da Noite de Coimbra que se estreará pasado mañá e abrirá a nova tempada do espazo cultural dependente da Deputación de Ourense.

Na presentación participaron o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora e responsable da dramaturxia da montaxe, Ánxeles Cuña Bóveda; e Igor Lebreaud, integrante do elenco e representante da Escola da Noite.

César Fernández destacou a singularidade de abrir a programación cun proxecto destas características, sinalando que “esta estrea representa moi ben a vocación do Teatro Principal como espazo para a cultura de calidade, para a creación e para o encontro, neste caso reforzando a través do teatro os profundos lazos culturais que unen Galicia e Portugal”.

A montaxe leva ao escenario Incendios, do dramaturgo canadense-libanés Wajdi Mouawad, considerada unha das grandes traxedias contemporáneas. A proposta reúne nove intérpretes galegos e portugueses que comparten escenario empregando as dúas linguas, galego e portugués, nun proxecto pioneiro que afonda na colaboración cultural a ambos os lados do Miño.

“O sangue das promes(s)as: Incêndios” reinterpreta en clave contemporánea os códigos da traxedia grega a través da historia de Nawal Marwan e dos seus fillos xemelgos, nun relato arredor da guerra, a memoria, a identidade, a violencia e a procura das propias orixes.

A coprodución conta co apoio da Deputación de Ourense e do Teatro Principal, ademais da Xunta de Galicia, a través da Agadic, e a Câmara Municipal de Coimbra.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.