O Salón Internacional do Cómic renderá homenaxe a ‘Moebius’

Barcelona | O Salón Internacional de Cómic de Barcelona (Ficomic), que se celebrará do 3 ao 6 de maio, conseguiu driblar a crise cunha marca de 150 expositores e dedicará unha homenaxe especial ao debuxante Jean Giraud Moebius, falecido en marzo pasado.

O director do salón, Carles Santamaría, dixo hoxe na presentación do certame, que este ano cumpre trinta edicións, que a exposición de homenaxe a Moebius está a facerse con algo de precipitación, polo recente da súa morte, pero con toda vontade e agarimo para recordar ao creador de El garaje hermético, cuxas obras revolucionaron o mundo da historieta.

Ademais de orixinais da obra do propio Giraud, a exposición incluirá as achegas doutros autores que quixeron render a súa propia homenaxe ao debuxante francés, que tiña previsto acudir este ano ao salón do cómic barcelonés.

“2012 está a ser un ano triste para o mundo do cómic”, afirmou Santamaría en referencia á morte do debuxante francés e á do editor e creador da revista El Víbora, Josep Maria Berenguer, ocorrida o pasado luns.

Segundo o director do salón, esta edición soubo sortear a crise económica, xa que os preto de 19.000 metros cadrados do pavillón 8 da Fira de Barcelona estarán “cheos ao completo”, non só de editoriais do cómic, senón de empresas do sector do videoxogo, a electrónica e o lecer.

Santamaría asegurou que a dirección de Ficomic sempre tivo en conta a necesidade de diversificar os patrocinios para non depender en exceso das subvencións publicas, e así poder manter o seu orzamento duns 600.000 euros (dos que case un 90% vén do sector privado).

Como é habitual, o salón contará cunha enorme nómina de autores presentes, tanto nacionais como internacionais, entre eles Joost Swarte, o debuxante belga que revolucionou a “liña clara”, Enrico Marini (El escorpión), Craig Thompson (Habibi), David Lloyd (V de Vendeta) ou clásicos como Tanino Liberatore e Gilbert Shelton.

No ámbito expositivo, e ademais da homenaxe a Moebius, destaca a exposición Robots en su tinta, comisariada polo profesor Jordi Ojeda, quen na presentación de hoxe contou co apoio de Reem, un dos robots que se poderán ver durante o certame e que será sede tamén dun concurso nacional de robótica, con máis dun centenar de unidades.

Viva Mazinger Z, gritou Reem aos presentes, recordando que o xigante creado polo veterano xaponés Go Nagai -que estará en Barcelona a semana que vén- cumpre 40 anos.

Little Nemo, a extraordinaria creación de Winsor McCay, será obxecto da maior exposición antolóxica dedicada a este personaxe dos albores da historia do cómic, e tamén haberá espazo para unha mostra dedicada a Star Wars (coa presenza de autores da saga de George Lucas- aos novos superheroes do Universo DC, así como aos traballos dos gañadores dos premios do salón de 2011.

Un dos puntais desta edición do salón será China, que como país invitado do certame non só contará coa presenza dun destacado número de autores (cuxos traballos se poderán ver nunha panorámica) senón que ademais terá unha delegación empresarial e institucional -con representación do ministerio de Cultura chinés- que se reunirá co sector editorial español, interesado en poder entrar no mercado do xigante asiático.

Entre as novidades, destacan a colaboración que o salón iniciou con Gamelab, o certame “irmán” de videoxogos co que comparten parte do seu público -que se beneficiará dun trato especial nas entradas- e coa plataforma Rock en Río, que terá un expositor onde se presentará o cómic Las aventuras de Rock Rivers.