
Tui | A parroquia tudense de Caldelas convértese esta fin de semana en punto de encontro para a música folk de Galicia grazas a celebración do VI Rocha Folk. Este evento, organizado pola Asociación Cultural A Insua, forma parte da programación cultural do verán do Concello de Tui.
A apertura do festival terá lugar mañá venres, ás 20 h, no exterior do Balneario de Caldelas coa recepción de autoridades e inauguración do evento, para dar paso a continuación ao grupo Donicelas. Este ano esta agrupación. formada por Andrea Rodríguez, Bea Pérez, Noelia Martínez, Rosa González, Víctor González e Xesús Díaz , foi finalista dos premios Martín Codax. Van interpretar os temas do seu último traballo ‘Portuguesiña’ do que gravaron o videoclip precisamente neste entorno.

O Rocha Folk continuará ás 21.15 co desfile dende o Balneario até a ribeira das bandas de gaitas Lume de Biqueira Celtic Band e a Banda de Gaitas A Insua de Caldelas, que estarán en concerto xa no escenario principal do festival. Tras elas ás 23 h será a quenda das pandereteiras Trébede da Asociación Peis d’hos. Alana, o trío formado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, finalistas tamén dos premios Martín Codax, interpretarán a partir das 23.30 h os temas do seu segundo traballo discográfico “Un saber”. Para pechar a primeira noite do festival contarán coa presenza de Kike Varela con Electrofoliada. O desfile de Lume de Biqueira Celtic Band abrirá sábado ás 12.30 h a segunda xornada do Rocha Folk. Non faltará a gastronomía coa Mexilloada na ribeira, na que con cada consumición mínima de 2,5€ recibirase unha ración de mexillóns. A tradición terá o protagonismo pola tarde con xogos populares na ribeira, e co obradoiro xoguetes e de instrumentos a cargo de Zuca Truca no recinto do festival. Este ano coma novidade o Rocha Folk incorpora o Encontro Internacional de Bombos, ás 19 h, que contará coa participación dos galegos O Trebón dos Xidos e cos portugueses Bombos de Sao Cristóvao de Gondomil. A capela do Carme será outro dos lugares onde se desenvolva o festival. Aquí actuará ás 20.15 h o Dúo Abril formado por Claudia Abril e Marina Carpente cunha proposta de folk contemporáneo. Este ano recibiron o premio de Música Folk nos XIII Premios Martín Codax.
Tras actuar hai uns días no Festival Intercéltico de Lorient este sábado ás 22 h estará en Caldelas o grupo Ailá formado por Ángela Carou, Manuele Pardo, Xan Pampín, e Manu Fraguela. No escenario principal da ribeira interpretarán, entre outros, os temas do seu terceiro traballo ‘Tradimensional’. A música continuará ás 23.30 h coas pandereteiras da Fenteira – Lembranzas da Terra de Guillarei. E á medianoite chegará o ritmo e a música de A Banda da Balbina, para interpretar temas coma “Estomballada”, “Balbina a bailadora” ou “Que che den”. O Rocha Folk 2026 pecharase con queimada e foliada, coma fin de dous días de festa coa música folk coma protagonista.
Saborea no Mercado de San Antonio
Pór en valor e promocionar os produtos de cada temporada é o obxectivo das xornadas gastronómicas Saborea o Mercado de San Antonio que este sábado comezan en Tui. Ao vapor, en vinagreta e en arroz serán as tres elaboracións que se poderán degustar ao prezo de 4€ a ración a partir das 11 h no propio Mercado de San Antonio. O restaurante Al Dente, que colabora na iniciativa, será o encargado de preparar esta proposta gastronómica.

A iniciativa busca tamén atraer a novos compradores e apoiar aos praceiros e praceiras e converter ao Mercado de San Antonio nun punto de encontro, de convivencia e de descubrimentos de novos productos. Este sábado a partir das 11 h haberá tamén música e un ambiente ambiente para compartir esta mañá de verán.




