“O Rei felicitounos polo gran proxecto mundial que lidera Ponteareas”

Miguel Ángel García Correa | Presidente da Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago
O rei Felipe VI (esquerda) con Miguel Ángel García Correa, durante o I Congreso Xacobeo en Santiago.

Ponteareas | Veciño de Ponteareas, Miguel Ángel García Correa é o Presidente da Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago e da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas. Con el estivo o noso xornal falando da próxima realización da Alfombra Oficial do Xacobeo 2021 e dos proxectos da asociación.

O Rei estivo no I Congreso Xacobeo. Ao parecer quixo coñecer a iniciativa mundial “ALFOMBRA MUNDIAL DO XACOBEO”. Que nos pode comentar sobre esta iniciativa?
Fomos convidados a participar neste 1º Congreso Xacobeo, pola Academia Xacobea. Nela realizouse a “alfombra Mundial do Xacobeo”. A  Sala Nobre do Pazo Fonseca luciu a Alfombra Mundial do Xacobeo que, deseñada por Miguel Ángel Lagoa Villalobos,  alfombrista de  Chinchón, e adaptada para a ocasión e realizada por alfombristas de Ponteareas.

A Comisión Xestora de Entidades  Alfombristas do Camiño de Santiago, con sede en Ponteareas, ten como obxectivo principal todas aquelas actividades dirixidas á difusión, divulgación e promoción do Camiño de Santiago e do patrimonio material e inmaterial vinculado a el. Destacando a riqueza cultural, natural e humana do Camiño.

“Desde a Casa Real, coñecedores desta iniciativa, solicitaron, xa antes da chegada do Rei, poder saudar ao presidente da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas”

Desde a Casa Real, coñecedores desta iniciativa, solicitaron, xa antes da chegada do Rei, poder saudar ao presidente da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas. E felicitounos polo gran proxecto mundial que lidera Ponteareas.

O próximo 25 de xullo, os alfombristas de Ponteareas ofrecerán ao Rei a Alfombra Oficial do Xacobeo. Como valorades este feito?
Esta alfombra será realizada, a gran tamaño, o 25 de Xullo na Praza da Inmaculada de Santiago de Compostela. E ese mesmo día, ese mesmo deseño, confeccionarase en lugar emblemático, de cada das 260 cidades repartidas por 30 países dos cinco continentes, integradas na Comisión Xestora de entidades  alfombristas do Camiño de Santiago.

“Esta alfombra será realizada, a gran tamaño, o 25 de Xullo na Praza da Inmaculada de Santiago de Compostela”

Cada colectivo alfombrista realizará ese deseño seguindo a súa propia técnica e estilo, utilizando os materiais que prefiran e creando ese tapiz efémero do tamaño que prefiran. Pero á vez serán distintas, xa que son dúas os motivos que a diferencien cada alfombra; unha o nome da localidade que a realiza e outra, tras unha frecha amarela, a distancia en quilómetros desde cada cidade participante a Santiago de Compostela. O obxectivo é “Facer todo o mesmo día, a mesma alfombra en cada un dos nosos pobos ou cidades, pero de forma conxunta a escala mundial”. Será unha especie de  flashmob a escala mundial de arte efémera, no día grande do Apóstolo Santiago.

Non se ofrecerá ningunha alfombra ao Rei, o que se aproveitou foi a ocasión, xa que vai estar en Santiago o 25 de Xullo, para convidalo a que a vexa en gran tamaño. Doutra banda, reiterar a invitación para que veña o próximo ano a Ponteareas o día de Corpus  Christi.

Queda algún proxecto pendente por parte da Asociación de Alfombristas?
En vésperas do Corpus Christi recibimos a noticia de que a Asociación do Corpus Christi de Ponteareas foi convidada polo CABILDO DE BURGOS E A  FUNDACION VIII CENTENARIO para participar na ofrenda floral a Santa María a Maior o 27 de Xuño. A alfombra reproducirá o rosetón da Porta do  Sarmental como homenaxe aos 800 anos do inicio da Catedral.

Desde aquí queremos dar as grazas a  Ramon Novoa, veciño de Ponteareas e con residencia en Burgos, que foi o noso embaixador xa que sen a súa axuda non fose posible. PONTEAREAS reafírmase unha vez máis como O BERCE DO  ALFOMBRISMO ESPAÑOL.

Doutra banda fomos convidados polo Concello de León (dentro do Camiño  Francés) para realizar unha alfombra o 2/3 de outubro, con motivo da festa de San Froilán.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.