O recordo de Carlos Casares bate con forza en Xinzo de Limia

Carlos Casares foi un home polifacético e de importancia central na historia galega da segunda metade do século XX non só pola súa obra literaria.
Día das letras Carlos Casares Xinzo de Limia
Imaxe dos membros do pleno da Real Academia Galega tras a sesión, celebrada no salón de plenos municipal de Xinzo de Limia.

Xinzo de Limia | O recordo de Carlos Casares bateu con forza no corazón da Limia. “Era de xustiza. Aquí, os latexos da súa memoria son campás de celebración que repican asemade en todos os recunchos do país”, anunciou Fina Casalderrey na primeira das tres alocucións da sesión extraordinaria coa que a Real Academia Galega celebrou o Día das Letras Galegas dedicado ao escritor. A académica percorreu os escenarios da infancia ourensá do homenaxeado e reivindicou a súa contribución á literatura infantil e xuvenil en galego. Henrique Monteagudo afondou deseguido no “arco central” da súa novelística e Xesús Alonso Montero centrouse na poesía, xénero que cultivou na etapa universitaria, e recuperou os versos que lle dedicara a unha icona da mocidade da época, o Che Guevara.

Alén da dimensión literaria de Carlos Casares analizada nas tres alocucións, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, salientou na clausura do acto a dimensión do homenaxeado de xestor cultural que desenvolveu como editor, “que é unha maneira de organizar o coñecemento para difundilo”, á fronte de Galaxia desde 1986 ata o seu pasamento; e a dimensión como cidadán, “como home comprometido co seu país e co seu tempo”. “Carlos Casares traballou sempre desde o compromiso por Galicia, pola lingua e pola identidade”, expresou. E tamén, engadiu, desde o compromiso coas institucións, convencido de que Galicia precisa que estas sexan “cribles e capaces de concitar aceptación social”. Víctor F. Freixanes recordou neste sentido o labor de Casares como membro da RAG, presidente do Consello da Cultura Galega e mesmo como parlamentario, etapa na que foi un dos impulsores da Lei de normalización lingüística.

A Limia, “a primeira escola do fantástico”

“Tiña que ser aquí, na capital da comarca da Limia, onde hoxe batese con forza o recordo de Carlos Casares Mouriño (…). Aquí, no corazón da Limia, onde chegou dende o seu Ourense natal con apenas tres anos, despregou as súas ás de neno curioso para abrir as portas ao mundo das emocións e do coñecemento”, arrincou Fina Casalderrey na súa alocución, titulada “Carlos Casares, escritor de alma ao aire”. A académica recreou, coas palabras, lembranzas do neno que fabricaba andeis para os libriños que viñan cos paquetes do azafrán -aqueles que lle regalaban no ultramarinos de Xosé Ramón-, que lía tebeos de Suchai e que ía os domingos pola tarde ao cine, afección que deixou pegadas en páxinas como as de Ilustrísima.

Fina Casalderrey abriu o acto cunha intervención que empezou subliñando a importancia da comarca da Limia na vida e na obra do autor. “No ecosistema de Xinzo asistiu Casares á primeira escola do fantástico, aquí enraizou no cerne das esencias galegas e experimentou o feito prodixioso de comprobar que as pequenas cousas poden dar paso a grandes emocións e que, estas, permanecen habitándonos de por vida”, engadiu na sesión extraordinaria celebrada no salón de plenos municipal, que se puido seguir tamén desde a pantalla instalada na praza que leva o nome do homenaxeado.

Na primeira fila, familiares de Carlos Casares seguindo a sesión.

A académica salientou “a moito máis ca simbólica” contribución de Casares á literatura infantil e xuvenil, eido no que foi un pioneiro en escribir en galego, e tamén en traducir cara ao galego: “O contexto histórico no que foron publicados tanto o libro de relatos A galiña azul coma o texto dramático As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, igual que Os soños na gaiola de Manuel María, Polo mar van as sardiñas de Xohana Torres, O león e o paxaro rebelde de Bernardino Graña, Mar adiante de Mª Victoria Moreno, ou a segunda edición, por fin en Galicia, do libro fundacional Memorias dun neno labrego, é o que os fai, se cadra, máis valiosos. Son libros que abriron un camiño novo nese ermo poboado tan só de silveiras de prexuízos. Sen deixar atrás ás raíces, subiu no Expreso da Literatura para percorrer o mundo e universalizala, tamén a infantil, desprendéndoa de localismos e didactismos”. “Os seus libros para a xente miúda pretenden, ante todo, o goce da lectura. Os valores lévanse gravados a lume no ADN e agroman de natural. Quizais por iso, as historias que viñeron despois, O can Rin e o lobo Crispín, Lolo anda en Bicicleta, ou a serie dos Toribio, cos xeniais inventos e divertidos nomes, lles arrincan tantos risos”, proseguiu.

“Sen deixar atrás ás raíces, subiu no Expreso da Literatura para percorrer o mundo e universalizala, desprendéndoa de localismos e didactismos”. Os seus libros para a xente miúda pretenden, ante todo, o goce da lectura”, dixo Fina Casalderrey

Fina Casalderrey quixo recoñecer as quizais “máis fermosas” homenaxes que está a recibir este ano Carlos Casares, as que xorden da rapazada e do profesorado dos centros de ensino de toda Galicia, descubrindo o legado e lendo a obra dun autor e home polifacético que en agosto cumpriría 76 anos. “A saber o que podería ter feito nestes anos de ventos feridos para a fala!, expresou. “Coma o propio Castelao, soubo que no compromiso entran os actos, máis ca as palabras. Imaxínoos felices, xuntos, fantasiando en que, por fin, atopamos un lugar baixo o sol para a lingua, recuperamos a presenza do galego no ensino e foi asumido o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega por toda a sociedade -incluídos os poderes- con cabeza, corazón e feitos.”, reivindicou. Para rematar, tomou prestados uns versos do poema “Amemos”, co que Casares gañou o terceiro premio das Festas Minervais de Compostela no ano 1963, para incidir na mesma idea: “Amemos, poñamos o corazón e a lingua a andar por un país con máis domingos no almanaque”.

De ‘Xoguetes para un tempo prohibido’ a ‘Deus sentando nun sillón azul’

Carlos Casares foi un home polifacético e de importancia central na historia galega da segunda metade do século XX non só pola súa obra literaria. Pero foi sobre todo escritor. Tras a análise da obra para o público miúdo de Fina Casalderrey, Henrique Monteagudo puxo o foco noutro detalle desa mesma faciana, a narrativa para adultos. “A achega máis importante ás letras galegas e universais de Carlos Casares atópase nas súas novelas”, destacou o académico, que se centrou no “arco central” da súa novelística, constituído por “un ciclo que ten como pórtico Xoguetes para un tempo prohibido (1975) e que se completa coa triloxía formada por Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987) e Deus Sentado nun sillón azul”.

O autor mantiña que entre Xoguetes para un tempo prohibido e Ilustrísima se producira un punto de inflexión no que a experiencia vital deixou de ser a materia prima da súa obra. Pero Henrique Monteagudo sostivo que “no fondo existe unha continuidade substancial” entre todos estes títulos, “impugnacións do fanatismo, o dogmatismo e violencia” nas que tenta “identificar as ideoloxías e os sectores sociais concretos que se opuxeron ao progreso do país e que o arrastraron á catástrofe”. “As novelas da triloxía Ilustrísima – Os mortos daquel verán – Deus sentado nun sillón azul constitúen unha Henrique Monteagudo: “A achega máis importante de Carlos Casares ás letras galegas e universais atópase nas novelas” exploración por parte do que puideramos chamar os antecedentes da situación de opresión de que o narrador de Xoguetes para un tempo prohibido -isto é, o propio autor, dado o carácter autobiográfico da obra- fora vítima durante as primeiras décadas da súa vida. Despois de recrear nesta obra a experiencia da ditadura, experiencia que levara gravada na súa propia pel, con aquela triloxía o autor propúxose novelar o que poderiamos denominar a xenealoxía do franquismo”, argumentou o académico. “Esta triloxía parece mesmamente unha variación sobre a denuncia que Castelao plasmara no seu célebre escrito de 1938 sobre as tres pragas que consideraba causantes da guerra civil española: militarismo, clericalismo e capitalismo semifeudal. Pero isto faise desde a perspectiva aberta da creación ficcional e coas ferramentas propias da literatura”, profundou.

Un momento da alocución do académico Xesús Alonso Montero. Na mesa, pola esquerda, a arquiveira-bibliotecaria da RAG, Fina Casalderrey; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o secretario e o vicesecretario, Henrique Monteagudo e Andrés Torres Queiruga.

En Xoguetes para un tempo prohibido Casares plasma “a miseria dunha infancia vivida nos negros anos da posguerra” para despois mergullarse “no ambiente insubmiso do estudantado universitario antifranquista dos anos sesenta”. Con Ilustrísima recúa no tempo ata os comezos do século XX para narrar outra historia contra o fanatismo e a violencia a través do conflito que estoupa nunha pequena cidade de provincias, trasunto de Ourense, por causa da chegada do cinematrógrafo. O protagonista deste relato é un bispo (inspirado nun parente seu, Enrique Pérez Serantes; arcebispo de Santiago de Cuba) que non consegue impoñerse ao sector máis reaccionario do clero en contra desta novidade.

Henrique Monteagudo: “A achega máis importante de Carlos Casares ás letras galegas e universais atópase nas novelas”

“Conforme avanza a triloxía, aumenta a tensión, a polarización vai a máis e o humor acaba por evaporarse”, comparou Henrique Monteagudo. En Os mortos daquel verán, Casares adiantouse “á voga da narrativa da memoria histórica” cunha historia que xira arredor da descuberta do cadáver dun boticario tras o levantamento de xullo de 1936, e construída mediante unha serie de informes que recollen os interrogatorios do funcionario xudicial a diversos veciños. Ambiéntase nunha pequena vila, imaxe literaria de Xinzo de Limia. A triloxía conclúe coa que é para o académico a “obra cimeira do autor”, a novela Deus sentado nun sillón azul, na que volve a Ourense. A narración desenvolve unha “análise do papel dos intelectuais no advento do novo réxime” e “empata cronoloxicamente” con Xoguetes para un tempo prohibido, “anoando así a triloxía coa obra que lle serve de pórtico”.

Versos ao Che Guevara

Xesús Alonso Montero escolleu para a súa intervención outra faceta menos coñecida de Carlos Casares, a de poeta, que cadrou coa súa etapa de estudante universitario, antes de que se centrase definitivamente na narrativa, tras a publicación do seu primeiro libro, o volume de relatos Vento ferido (1967). “Casares cultivou a poesía, non sen entusiasmo, e desde os 21 anos atopamos poemas seus en publicacións serias, non poucos inscribibles no que, naquel tempo, se chamaba poesía comprometida. Algúns destes textos foron poemas de encarga, como o panexírico á bibliofilia patriótica de Fermín Penzol, encargado por Ramón Piñeiro en 1963, ou o poema “de emerxencia para Antonio Machado”, que eu lle encarguei e publiquei no ano 1966″, contou.

O académico centrouse nos vinte e tres versos que conforman a elexía que escribiu en outubro de 1967 “A Ernesto Che Guevara”. “Nos últimos meses dese ano, hai medio século, centos de poetas hispanos e non hispanos, versificaron, en moi distintas linguas, o seu pranto polo Che en elexías conmovidas, algunhas antolóxicas. Non todos os poetas que o choraron estaban, de cheo, nas coordenadas ideolóxicas de Ernesto Guevara, pero todos eles, sen excepción, admiraban aspectos non irrelevantes da súa personalidade cívica, nomeadamente aqueles que nolo amosaban como unha especie de don Quixote do século XX loitando contra os muíños e os xigantes do Imperio, o Imperio por antonomasia naqueles anos da guerra do Vietnam”, contextualizou.

En Galicia a morte do Che tamén inspirou poemas, quince deles en galego e de autores de moi distinta condición política. O de Casares é “un canto conmovido e conmovedor á épica e ao ideario revolucionario do Che”, expresou Xesús Alonso Montero

En Galicia a morte do Che tamén inspirou poemas, quince deles en galego e “de autores de moi distinta condición política”, editados por primeira vez en 1998 pola Universidade En Galicia a morte do Che tamén inspirou poemas, quince deles en galego e de autores de moi distinta condición política. O de Casares é “un canto conmovido e conmovedor á épica e ao ideario revolucionario do Che”, expresou Xesús Alonso Montero de Santiago de Compostela e reeditados posteriormente pola Xunta nunha edición bilingüe con ilustracións de Luís Seoane, Díaz Pardo ou Quessada . O que deixou escrito Carlos Casares é “un canto conmovido e conmovedor á épica e ao ideario revolucionario do Che; tamén un alegato contra o poder que nolo arrincou”, valorou Xesús Alonso Montero, que se detivo na evolución do pensamento político do autor nos anos 60. Para o académico, este achegamento ao Casares desa época “proba que a literatura galega, naqueles anos, lonxe de ser unha literatura escrita dentro da eira do trigo á sombra do vello campanario parroquial, estaba aberta, pese ao franquismo, a voces e temas presentes en literaturas menos provinciais: aberta, incluso, ao marxismo e a escritores, como Telharde de Chardin, que, sólidos no seu cristianismo, enriquecíano cos clásicos do socialismo científico”.

Xesús Alonso Montero leu tamén as anotacións que escribiu o escritor no seu diario desde o 10 ata o 16 de outubro de 1967, cando a nova que non quería crer foi confirmada por Fidel Castro. “As sete secuencias [do diario] son un monólogo dramático que finaliza, para o monologuista, en traxedia: El Che ha muerto. Sen querelo, Carlos Casares íspese neste relato e escribe unha peciña de teatro, unha microtraxedia á que só lle falta unha grave música de fondo”, concluíu.