
Salvaterra de Miño/PSdeG | Continuar traballando desde o municipalismo, garantir a proximidade coa cidadanía e manter o compromiso da militancia para seguir fortalecendo o proxecto en toda a provincia será a receita dos e das socialistas da provincia de Pontevedra co fin de chegar ás eleccións municipais de 2027 coa mellor organización e a máxima fortaleza.
A folla de ruta para encarar o intenso traballo de preparación da cita electoral nos concellos foi o principal obxectivo da reunión deste xoves da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE que lidera o secretario xeral, David Regades, e que se celebrou en Salvaterra de Miño, encontro que tamén serviu para facer balance do traballo desenvolvido durante os últimos meses.
Como anfitrións da xornada, Félix González, secretario xeral do PSdeG de Salvaterra, e compañeiros e compañeiras da agrupación local, deron a benvida aos membros da Executiva Provincial e agradeceron a celebración da reunión no municipio. O encontro serviu para fixar as liñas de actuación do novo curso político e as tarefas de planificación dos próximos meses.
O secretario xeral, David Regades, asegurou que o Partido Socialista na provincia afronta esta nova etapa “con optimismo, con ilusión e coa seguridade de que o PSdeG-PSOE chega á cita electoral cun proxecto sólido, equipos preparados e unha organización cada vez máis forte e implantada en todo o territorio”. Destacou que os próximos meses serán fundamentais para seguir reforzando a presenza do partido na provincia, escoitando á veciñanza e construíndo unha alternativa sólida desde cada concello.
“Temos un equipo ben preparado, experiencia de goberno e un proxecto que pensa nas persoas. Sabemos que cando se traballa con seriedade, con humildade e estando ao lado da xente, os resultados chegan. Por iso, afirmou, enfrontamos as eleccións municipais de 2027 coa confianza de que imos conseguir un gran respaldo cidadán, ampliar o número de alcaldías socialistas e recuperar a Deputación de Pontevedra para poñela, de novo, ao servizo de todos os concellos da provincia”, concluíu.




