O PSdeG tece alianzas na Arxentina contra a extrema dereita

O secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro reuniuse en Bos Aires con altos dirixentes do Goberno Provincial

Aldea Global | O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse no seu primeiro día en Arxentina co ministro de Goberno da Provincia de Bos Aires, Carlos Bianco. No encontro, ambos abordaron a necesidade de reforzar a cooperación internacional entre forzas progresistas para defender os dereitos sociais, protexer os servizos públicos e facer fronte ao avance da extrema dereita.

Bianco é un dos principais dirixentes do Goberno de Axel Kicillof, convertido nun dos maiores contrapuntos políticos ao actual executivo de ultradereita.

Durante a reunión analizaron o impacto social e económico das políticas de Javier Milei nun país onde viven máis de 180.000 mil galegos emigrantes e os seus descendentes. O Goberno bonaerense vén alertando do recorte de recursos por parte do Estado, da paralización de obras e dunha deterioración dos servizos que xa dificulta o acceso de moitas persoas á sanidade, aos medicamentos, á educación e ás políticas de protección social.

Besteiro, acompañado por César Mogo, senador e secretario de Exterior da Comisión Executiva Federal do PSOE, sinalou que Galicia e a provincia de Bos Aires comparten “unha mesma convicción: os gobernos non poden mirar para outro lado cando a cidadanía atravesa dificultades, senón que deben garantir dereitos, ofrecer protección e crear oportunidades”.

Os dous dirixentes analizaron ademais as posibilidades de cooperación económica entre Galicia e a provincia de Bos Aires, así como o papel de América Latina e do Mercosur na construción dun modelo de desenvolvemento máis equilibrado, baseado na integración rexional, na industria, no coñecemento e na creación de emprego de calidade.

O líder dos socialistas galegos defendeu que Galicia pode actuar como ponte entre Europa e América Latina e aproveitar os vínculos históricos e humanos coa Arxentina para abrir novas oportunidades nos ámbitos industrial, científico, universitario e comercial.

Tras a reunión con Carlos Bianco, Besteiro visitou a sede da Agrupación do PSOE na Arxentina, onde mantivo un encontro coa militancia para falar da situación política nos dous países e coñecer de primeira man as principais preocupacións da colectividade española.

O secretario xeral do PSdeG agradeceu o traballo das agrupacións no exterior e reivindicou o seu papel como espazos de participación, defensa dos valores democráticos e vínculo permanente con Galicia e con España.

Encontro coa colectividade Galega no Centro Betanzos
A xornada continuou no Centro Betanzos de Bos Aires, onde Besteiro se reuniu con descendentes da emigración galega. Besteiro reafirmou o compromiso dos socialistas coa Galicia exterior e salientou que as persoas descendentes da emigración “non son só parte da nosa memoria, senón tamén do presente e do futuro de Galicia”.

O Centro Betanzos é unha das entidades galegas con maior actividade en Bos Aires, tanto na promoción da cultura como na defensa dos dereitos da colectividade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.