O PSdeG reivindica a unión internacional entre España e Portugal

O impulso de infraestruturas será clave para mellorar a mobilidade entre Galicia e o norte de Portugal

Lobios | O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar un acto internacional en Lobios na compaña de cargos do Partido Socialista portugués para reivindicar a unión internacional de España e Portugal cunha vía de alta capacidade a través da fronteira da Madalena.

Os socialistas sinalan que o impulso de infraestruturas “será clave” para a “unión” dos territorios europeos, para “loitar contra a crise demográfica” e para “mellorar a mobilidade” entre dous rexións irmás como son Galicia e o norte de Portugal.

No acto que tivo lugar primeiro na fronteira da Madalena participaron o candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares; a candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento Europeo, Lorena Guerra Vigo; o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; o presidente da cámara de Melgaço, Manoel Batista; o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso; o concelleiro dos socialistas de Lobios, Patrick Rodríguez; e cargos orgánicos do partido na comarca e provincia.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense poñen en valor a necesidade de “aproveitar os fondos europeos para impulsar que a AG-31 non remate en Celanova, senón na fronteira lusa, para unirse cunha futura vía de alta capacidade neste territorio”. As e os socialistas consideran “clave” o desenvolvemento desta infraestrutura polas “posibilidades de crecemento económico e poboacional que aportaría non só a comarca da Baixa Limia, senón a toda a provincia de Ourense, Galicia e o norte de Portugal”.

Neste senso destacan que a AG-31 supuxo un “evidente progreso” para a comarca de Celanova, dende a súa apertura en 2013, aumentando nun 40% o tráfico de vehículos e sendo dun 74% o incremento no caso de vehículos pesados.

Tanto PSdeG-PSOE de Ourense como o Partido Socialista no norte de Portugal levan anos mantendo reunións de traballo co obxectivo de impulsar esta infraestrutura clave para a unión cunha vía de alta capacidade de ámbolos territorios.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.