
Ourense | O Grupo Municipal Socialista de Ourense considera “especialmente grave” a resposta oficial remitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en relación coa demolición da Casa de Baños de Outeiro, xa que confirma que as actuacións realizadas carecían da preceptiva autorización da Consellería de Cultura.
Segundo a documentación remitida ao Grupo Municipal Socialista, Patrimonio tivo coñecemento da demolición o 12 de agosto e ese mesmo día notificou ao Concello de Ourense un requirimento para que paralizase a intervención e achegase a documentación completa sobre os traballos.
Con todo, o propio Servizo de Patrimonio Cultural deixa constancia de que o 14 de agosto comprobou que os traballos continuaban, a pesar do requirimento de paralización realizado dous días antes. Ante esta situación, Patrimonio solicitou a colaboración da Unidade de Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia para comprobar o estado da intervención e levantar acta dos traballos que se estaban executando.
Para a voceira socialista, Natalia González, “isto xa non é unha cuestión de interpretación política é a propia Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a que deixa por escrito que as actuacións realizadas carecían da autorización preceptiva”. “Queremos saber quen decidiu continuar, con qué informes e baixo que responsabilidade”, sinala González.
As socialistas consideran especialmente relevante que, mentres Patrimonio estaba reclamando a paralización e documentación sobre unhas actuacións xa iniciadas, a Xunta de Goberno Local aprobou o 27 de agosto a declaración de emerxencia relacionada coa intervención. Por iso, Natalia González reclama ao goberno de Jácome que explique públicamente cando se adoptou a decisión de actuar por emerxencia, que informe técnico a fundamentaba, que actuación concreta se autorizou e que relación ten esa declaración aprobada o día 27 cos traballos que xa se estaban executando con anterioridade.
As socialistas piden á Xunta que actúe
O Grupo Municipal Socialista considera tamén necesario que a Xunta de Galicia explique qué medidas vai adoptar agora, unha vez constatada oficialmente a ausencia de autorización patrimonial.
O informe de Patrimonio establece que deberán achegarse un proxecto redactado por profesional competente para os posibles desmontaxes, apeos e consolidacións dos elementos aínda existentes, así como documentación sobre o estado actual do edificio e dos elementos xa desmontados e sobre o estado de conservación e custodia dos elementos históricos, culturais e termais afectados ou retirados. “A Xunta ten que exercer as súas competencias e garantir que o que queda da Casa de Baños se protexa e que os elementos patrimoniais que foron retirados estean identificados, custodiados e conservados”, reclama González.
O PSOE trasladará esta nova documentación á iniciativa que está preparando no Parlamento de Galicia, para que a Xunta dea conta das actuacións desenvolvidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, das medidas adoptadas tras comprobar a continuidade dos traballos e das actuacións que prevé realizar ante a falta de autorización patrimonial constatada no expediente.




