O PSdeG reclama ao alcalde de Ourense que restaure os quioscos

Están degradándose no Parque Botánico de Montealegre

Ourense | O grupo municipal socialista reclama que o goberno local restaure os quioscos retirados das rúas ourensás que agora se acumulan nun entorno natural polo desleixo do alcalde e o seu equipo. “Por desgraza, levamos tempo vendo como desaparece este mobiliario emblemático da nosa cidade”, lamenta Alba Iglesias, concelleira do PSdeG, sobre as nulas solucións para frear o seu abandono e deterioro que están sobre a mesa.

“A onde foron a parar? Ao pulmón verde de Ourense: o parque Botánico de Montealegre. Unha estampa que dá moita pena ao ver como se converte nun vertedoiro este espazo”, engadiu a edil poñendo de relieve as condicións climáticas que continúan degradando os quioscos por atoparse situados á intemperie.

As e os socialistas do Concello instan ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome a que restaure e recupere, á maior brevidade posible, as mencionadas pezas e a súa historia para outros usos, do mesmo xeito que se fai noutras cidades, no canto de proceder á súa desafección, como xa anunciou o rexedor que faría.

Caixeiros automáticos, punto de recollida e entrega de paquetería, cargadores para vehículos eléctricos ou o quiosco que rexenta a asociación Down de A Coruña dende o que ofertan unha restauración diferente na que traballan persoas con e sen discapacidade, e no que a cidadanía pode tomar cafés ou bocadillos de calamares, son algúns dos exemplos cos que se podería devolver á vida a este mobiliario urbano.