O PSdeG Ourense destaca o labor “encomiable” de Emilio González Afonso

Foi subdelegado do Goberno en Ourense e antes alcalde de Verín

Verín | O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar unha homenaxe o quen foi ata hai unhas semanas subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso. As e os socialistas reivindicaron o seu labor ao fronte da Subdelegación e a súa xestión, especialmente durante os momentos máis duros da pandemia da COVID-19.

Foi un acto multitudinario que contou con máis dun cento de persoas chegados de diferentes puntos da bisbarra e da provincia. Marina Vaz deu paso as persoas a cargo de intervir como foron Lorena Guerra, candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento Europeo; Gerardo Seoane, alcalde de Verín; Rafa Villarino, secretario provincial e por último o ex subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, agradeceu “o traballo de Emilio en favor de Ourense”. Neste senso, o líder dos socialistas ourensáns tamén fixo fincapé “nos anos de entrega a vida política e municipal de Emilio González, tanto como alcalde de Verín, como subdelegado do Goberno”, sinalando neste último caso que “sempre pendente, a pesar das dificultades que supón conxugar a vida no plano institucional coa obriga de mudar a política”.

Villarino tamén destacou a “labor impecable, o carácter e a bonhomía recoñecidas por todo o mundo, así como o seus sabes estar e a súa implicación política e institucional”. O senador subliñou a implicación na pandemia apuntando que “foi Emilio o que mobilizou a UME, nun momento en que a residencia de maiores de Celanova afrontaba unha grave emerxencia con ducias de infectados pola COVID e gracias a súa rápida actuación, a UME foi quen de colaborar en mitigar as consecuencias”.

Pola súa banda a candidata ao Parlamento Europeo por Ourense, Lorena Guerra Vigo, sinalou que “tocoulle ser o representante nun momento histórico e no que respondeu de maneira impecable”. Tamén apuntou sobre a pandemia que “foi neses momentos tan duros cando o Goberno de España, presidido por Pedro Sánchez, puxo no centro ás persoas e incorporou toda unha serie de medidas para lograr que ninguén quedase atrás”.

O acto rematou coa intervención do ex subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, quen quixo agradecer a todos os presentes as mostras de cariño recibidas ao longo dos últimos días, tras confirmarse a súa xubilación.

Fixo fincapé na labor do Goberno nos “momentos máis difíciles da pandemia”, resaltando que a subdelegación “foi unha institución aberta á cidadanía de toda a provincia e nun primeiro momento tratabamos de salvar ao maior número de persoas”. Neste senso tamén apuntou que “puxémonos ao fronte dende o primeiro día para coordinar tódolos recursos ao noso alcance para loitar contra a pandemia”.

O Cecor
González Afonso explicou os diferentes casos de colaboración e coordinación xurdidos entón “axudamos aos xeriátricos, a labores de desinfección, mobilizamos a UME, repartimos mascarillas, fixemos controis de illamento territoriais e puxemos en marcha o primeiro Cecor organizado en Galicia”. Tamén apuntou que “fomos un referente no traballo fronteirizo e non coidado sen descanso dos cidadáns e despois tamén puxemos en marcha proxectos para apoiar ao tecido empresarial, mantendo o emprego a través dos Ertes”.

Durante o seu mandato, a subdelegación obtivo o recoñecemento de Cetificado de Excelencia pola súa xestión e atención.

A deputada provincial, Marina Vaz Quintillán, destacou a “homenaxe a unha persoa comprometida coa ética e os valores socialistas como é Emilio”. Nas fotos, Emilio González Afonso no medio e comensais na homenaxe en Verín.