O PSdeG leva á Valedora do Pobo a ocultación de información por parte do alcalde de Ourense

Os socialistas rexistraron 218 peticións das cales máis do 50 % seguen pendentes de resposta

Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense vén de remitir unha carta á Valedora do Pobo na que denuncia a ocultación reiterada e permanente de gastos e información por parte do goberno de Gonzalo Pérez Jácome e solicita a súa “mediación, intervención e amparo urxente”.

Dende o grupo socialista sinalan que o bloqueo permanente do labor fiscalizador da oposición por parte do alcalde materialízase tanto na falta de reposta ás preguntas e solicitudes de información formuladas vía rexistro electrónico, en xuntas de área e mesmo no pleno municipal, coma na desatención da obriga legal do goberno local en canto á publicación trimestral dos contratos menores no Perfil do Contratante.

“A día de hoxe, o goberno local de Ourense leva case un ano, dende abril de 2022, sen publicar os contratos menores no Perfil do Contratante”, denuncian as e os socialistas, ao tempo que alertan de que este xeito de proceder vulnera a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público (LCSP), concretamente no relativo ás obrigas de publicidade e información na periodicidade establecida pola norma e regulada na Instrución relativa a Contratos Menores, aprobada pola Xunta de Goberno Local do 12 de abril de 2018.

Dende as filas socialistas sospeitan que este escurantismo é unha “manobra premeditada de ocultación por parte da Alcaldía, dado que existe un abuso sen precedentes da figura do contrato menor no noso Concello” e denuncian a gravidade desta cuestión, que repercute de xeito directo e negativo sobre a rendición de contas na xestión pública, dificultando aínda máis o labor da oposición no relativo ao control da actuación do goberno.

A respecto das peticións de información, na mesma carta o grupo socialista sinala que dende inicio de mandato, en 2019, rexistráronse de xeito telemático un total de 218 solicitudes de información (49 en 2019; 72 en 2020; 62 en 2021; 35 en 2022 e 23 no que vai de 2023) das cales máis do 50 % seguen pendentes de responder, e ás cales cómpre sumar un gran número de solicitudes formuladas en xuntas de área e nos plenos municipais.

Concretamente, indican que a relación de preguntas pendentes de resposta por parte da Alcaldía e formuladas ao longo do ano 2022 na Xunta de Área de Urbanismo, Administración Xeral e Loxística ascende a 114, das cales 43 pertencen á area de Urbanismo, 55 ás de Infraestruturas, Contratación, Medio Ambiente, Transparencia E Loxística e 16 á de Cultura, Educación, Promoción Económica e Persoal.

“Esta é a terceira vez que solicitamos amparo á Valedora do Pobo pola ocultación reiterada de información dende que Gonzalo Pérez Jácome é alcalde”, lembran os socialistas, ao tempo que subliñan que a actitude deliberadamente obstrucionista do alcalde vai na liña contraria ao expresado por este na resposta que dirixiu á Valedora en xaneiro de 2022, cando se comprometeu por escrito a proporcionar a información pendente e a axilizar as respostas aos requirimentos dos grupos da oposición.

“Cremos que o propósito de emenda do alcalde era unha manobra disuasoria e que non ten intención de cambiar o seu escurantista xeito de proceder” lamentan os socialistas. “Ante esta situación crítica e desesperada, que non ofrece expectativas de mellora a curto prazo, o grupo socialista vese na obriga de solicitar a mediación, intervención e amparo da Valedora unha vez máis”, conclúen.