O PSdeG esixe a inmediata dimisión de Manuel Baltar

Polo presunto delito contra a seguridade viaria co coche oficial da Deputación de Ourense

Ourense | O PSdeG-PSOE esixe a “dimisión inmediata” de Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, tras cometer un presunto delito contra a seguridade viaria ao circular, cun dos coches oficiais da institución provincial que conducía el mesmo, a máis de 215 qm/h pola autovía A-52 na provincia de Zamora o pasado domingo 23 de abril.

Segundo relata o xornal dixital eldiario.es, Baltar foi multado con 600 euros e cunha retirada de puntos, ao mesmo tempo que a Garda Civil xa está a instruír un expediente ante o presunto delito.

Os e as socialistas consideran “indecente” e “absolutamente inaceptable nunha democracia” que o presidente da institución cometese este grave delito, conducindo temerariamente un coche oficial noutra provincia “para facer actividades que aínda non explicou un domingo”. “A onde se desprazaba Baltar realmente, co coche pagado por todos e todas, se na súa axenda oficial non aparecía acto algún en Madrid ou fóra de Ourense, nin ese domingo nin o luns posterior?”, preguntan.

Desde o PSdeG-PSOE ourensán aseguran que Manuel Baltar “non pode continuar nin un minuto máis á fronte da presidencia da Deputación ourensá” por “decencia democrática”; porque “confunde a Deputación coa súa casa”; porque “non reúne a honorabilidade e exemplaridade que require o cargo” e por “respecto a institución e á provincia que representa”, pois estamos ante un “delito grave que puido ter consecuencias moito máis graves”.

O grupo socialista recorda que o código ético da Deputación, redactado do “puño e letra” do propio Baltar, segundo afirmou el mesmo, determina que os cargos públicos da institución “non deben conducir a súa conduta de tal modo que poida prexudicar a imaxe da organización que representa ante a cidadanía ou a afectar á súa reputación institucional” e que “deben eludir calquera acción ou omisión que poida prexudicar nin sequera sexa minimamente a imaxe institucional e minar a confianza da cidadanía”. “Estes graves feitos, obviamente, son unha afronta á Deputación”, destacan.

Rueda e Feijóo deben tomar cartas no asunto
Os e as socialistas reclaman a súa dimisión “canto antes”, porque un “presunto delincuente” non pode estar á fronte dunha institución pública tan “honorable e respectable como é a Deputación de Ourense”.

Así mesmo, reclaman ao presidente do PP galego e da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e ao presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, que “tomen cartas no asunto canto antes”.

“Unha formación como o Partido Popular non pode ter entre as súas filas a persoas como Baltar, que conducen temerariamente e ilegalmente un coche oficial pagado con fondos públicos, poñendo en risco a vida doutras persoas e cometendo presuntos delitos penados con ata dous anos de prisión”, conclúen antes de reclamar medidas aos líderes conservadores.