O PSdeG en Ourense destaca a aposta do Goberno pola dixitalización no rural

Con programas de formación en Carballeda de Avia, Cortegada, A Gudiña, Parada de Sil e Trives
O senador Miguel Bautista, a deputada Uxía Tizón e o deputado Adolfo Pérez Abellás.

Ourense | O PSdeG de Ourense destaca a aposta “decidida” do Goberno do Estado pola dixitalización nos municipios do rural na provincia, despois de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana presentase o programa “Rural TIC” para o desenvolvemento de proxectos dixitais en poboacións de menos de 10.000 habitantes. A enxeñería e consultaría do Grupo Mitma prestará asesoramento dixital a cinco municipios da provincia: Carballeda de Avia, Cortegada, A Gudiña, Parada de Sil e A Pobra de Trives.

O Goberno central busca con este programa formar no emprego das novas tecnoloxías a poboación de máis idade destes núcleos da provincia e asesorar as pemes locais para potenciar o seu posicionamento global, mellorando ou creando webs, aumentando a súa presencia en redes sociais ou deseñando apps que optimicen a actividade, entre outras iniciativas.

“Trátase, así, dun modelo de colaboración que ten o obxectivo de contribuír á dixitalización social e económica da sociedade, rompendo barreiras que lles afasten das novas tecnoloxías”, indican dende o PSOE ourensán.

Aposta pioneira
O deputado, Adolfo Pérez Abellás; a deputada, Uxía Tizón; e o senador, Miguel Bautista, destacan que este programa “supón unha aposta pioneira, que contribúe mediante o uso das novas tecnoloxías a articular unha panca de dinamización e crecemento no rural da provincia de Ourense”. Unha aposta coa que o executivo de Sánchez trata de achegar a poboación do rural unha ferramenta de apoio ás políticas impulsadas para fixar poboación nestes municipios.

Os representantes e a representante do PSdeG-PSOE de Ourense nas Cortes consideran que esta experiencia “permitirá que a nosa provincia e os municipios que forman parte do mesmo dispoñan de ferramentas clave para o desenvolvemento de proxectos de futuro no municipio”.

Neste senso, tamén apuntan a que “estamos nunha provincia moi envellecida, que vive unha grave crise demográfica e perde poboación a pasos axigantados, ante a falta de políticas activas da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia”, motivo polo que consideran que as iniciativas do executivo presidido por Pedro Sánchez “axudan a contrarrestar anos de desidia do PP e a darlle un importante pulo a loita contra a crise demográfica”.

A fórmula deseñada pola compañía do grupo MITMA permitirá aos profesionais que formen parte do programa desprazarse temporalmente as poboacións da provincia e compaxinar o teletraballo coa realización de talleres formativos de dixitalización social e económica.

A través deste formato de colaboración, os participantes de Ineco dedicarán un 20% da súa xornada laboral a estas accións, mentres os concellos aportarán a estancia durante os días laborais do período de desenvolvemento do programa. Unha experiencia, que segundo explican dende o PSdeG-PSOE de Ourense “permitirá ao talento dixital de Ineco desfrutar das vantaxes da contorna e achegar a exclusiva oferta turística, patrimonial, natural e cultural dos municipios da nosa provincia”.