O PSdeG destaca o compromiso do goberno central con Ponteareas nos Orzamentos 2021

Sinalou o deputado socialista Guillermo Meijón

Ponteareas/PSdeG | O coordinador dos socialistas galegos no Congreso dos Deputados, Guillermo Meijón, destacou o compromiso do goberno de España con Ponteareas a través dos orzamentos para o ano que vén, uns orzamentos que o BNG non apoiou a pesares de que inclúen cuestións como a variante para a vila que o PP nin empezou dende 2015.

“O BNG segue na deriva de percorrer Galicia tratando de xustificar a súa continua postura obstrucionista co actual goberno”, criticou Meijón, quen lamentou que os nacionalistas galegos prefiran as contas “maquilladas” do PP de Rajoy.

Fronte a isto, o deputado socialista recordou o compromiso adquirido polo propio director xeral de Estradas coa veciñanza e co goberno municipal de Ponteareas no que atinxe á variante. Ademais, sinalou que a vila está a recibir toda a información sobre a situación real do proxecto, máis alá de “meras declaracións de intencións” como ata o de agora acontecía.

“O Partido Popular estaba moi acostumado a encher os orzamentos con partidas que logo nunca se chegaban a executar, e Ponteareas é un bo exemplo diso”, recalcou Guillermo Meijón, quen apuntou tamén que as partidas do AVE “unicamente servían para maquillar as inversións en Galicia, porque logo apenas se executaban nun 50%”. “Lamentamos que o BNG estea máis de acordo con estas prácticas”, remachou.

“No relativo á estrada N-120, o socialista pontevedrés indicou que ‘o BNG sabe perfectamente, ao igual que a corporación de Ponteareas, a situación na que se atopa”

No relativo á estrada N-120, o socialista pontevedrés indicou que “o BNG sabe perfectamente, ao igual que a corporación de Ponteareas, a situación na que se atopa”, posto que a mediados de outubro presentouse o avance do proxecto na Subdelegación do Goberno e, nestes momentos, está na fase final da súa redacción.

Unha vez rematado, explicou, terá que pasar polo preceptivo período de información pública; tempo no que dende o Concello ou por parte de calquera particular poderanse presentar as alegacións que se consideren. Unha vez resoltas as alegacións, procederase á licitación do proxecto construtivo definitivo para, a continuación, licitar e iniciar as obras.

Finalmente, Meijón indicou que os orzamentos do Estado para o ano 2021 están elaborado para o tempo extraordinario que nos toca vivir, polo que as partidas están aquilatadas ás posibilidades de execución real, deixando partidas abertas e mesmo contemplando un incremento en partidas xenéricas que servirán para avanzar naqueles proxectos cuxo ritmo de implementación así o permita.

Por iso, recalcou, “insistir por parte do BNG no concepto de «España nos roba» non se compadece cuns orzamentos que dedican a Galicia un incremento do 62% no conxunto de inversión respecto dos orzamentos do ano 2018 se descontamos as partidas do AVE”. “Isto só pode entenderse dende o compromiso do goberno e do esforzo dos deputados e deputadas socialistas por conseguir para Galicia uns bos orzamentos para a nosa terra”, resaltou, antes subliñar que a esa inversión súmase “o maior gasto social da historia de España, tan importante para Galicia”.

“O Non do BNG”
En paralelo, Guillermo Meijón reprobou que o BNG se excluíra do grupo das forzas progresistas que lograron chegar a entendementos para “poder levantar este país da maior crise sanitaria, social e económica que se recorda”.

Ademais, criticou a súa postura “obstrucionista” tamén ao negar o seu apoio ás conclusións da Comisión de Reconstrución, ás recomendacións do Pacto de Toledo que implican a sostibilidade das pensións e a súa suba respecto do IPC, á nova lei de Educación que desterra a nefasta lei Wert e, como colofón, aos orzamentos para o ano 2021.

“A non aprobación dos orzamentos do Estado implicaría, no mellor dos casos, continuar cos presupostos de Montoro, cos que resultaría imposible afrontar a crise”

“A non aprobación dos orzamentos do Estado implicaría, no mellor dos casos, continuar cos presupostos de Montoro, cos que resultaría imposible afrontar a crise, ou mesmo perder os fondos europeos e paralizar a reconstrución do noso país”, advertiu o dirixente socialista.