O PSdeG denuncia a “perversa manipulación” de Jácome polo concerto de Omar Montes

Lembra que, por 70.000 euros, o alcalde eliminou a UPO, a MOTI e a MITEU

Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a “perversa manipulación” de Jácome cos datos do concerto de Omar Montes e lembra que “o único dato real é que o concerto organizado polo rexedor vendeu só a metade das entradas que permitía o aforo, unhas 1.500 en troques das 3.000 que estaban dispoñibles” ao tempo que aseguran que “todo o demais son delirios do alcalde, que teima obsesivamente en defender un gasto claramente desmesurado e inxustificable”.

“O mesmo alcalde que suprimiu destacadas citas culturais desta cidade porque dicía que non tiñan público, agora xustifica o gasto desorbitado nun concerto do que se tiveron que regalar 500 entradas”, manifestan as e os socialistas, que lembran que por 70.000 euros o alcalde eliminou a UPO, a MOTI e a MITEU.

“Co diñeiro do concerto de Omar Montes, estimado en 92.000 euros sen contar os gastos de protocolo, poderíamos reverter parte do exterminio cultural de Jácome nesta cidade, recuperando e mesmo mellorando a actividade formativa da Universidade Popular (UPO), poñendo en valor a Mostra de Teatro Infantil (MOTI) e devolvéndolle ao Concello a xestión da Mostra Internacional de Teatro de Ourense (MITEU)”, abundan.

Dende o grupo socialista denuncian que o alcalde “non teña reparo en gastar inxentes cantidades de diñeiro público en cachés inflados e paparotas co seu equipo”, mentres once entidades sociais seguen agardando por unha modificación de crédito de 86.000 euros para axudar a persoas con discapacidade. Así as cousas, apostan polo “investimento cultural fronte ao gasto en actuacións estelares puntuais” e esixen que o alcalde deixe de empregar datos “manipulados e mesmo inventados” para “agochar un gasto excesivo, innecesario e inxustificable nun concerto en beneficio do seu lucimento persoal”, mentres os colectivos culturais e entidades sociais da cidade agonizan.