O PSdeG de Salceda presenta as emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia

Salceda de Caselas/PSdeG-PSOE | O PSdeG de Salceda presentou, xunto coa parlamentaria Paloma Castro Rey, que se achegou no día de hoxe ata o concello de Salceda, as súas emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia do exercicio 2023. Un ano máis a percepción da agrupación socialista e da súa secretaria xeral e alcaldesa Verónica Tourón é que Salceda, a pesar de que hai unha partida orzamentaria para o IES Pedras Rubias, continúa tendo necesidades moi amplas que non son recollidas nos orzamentos autonómicos.

Esta reclamación á Xunta de Galicia, en forma de emendas adquire aínda máis relevancia sendo Salceda unha poboación cos indicadores demográficos máis dinámicos de Galicia. Datos poboacionais que revelan a importancia de realizar investimentos dotacionais para poder prestar servizos á veciñanza salcedense, ante a capacidade orzamentaria limitada coa que contan os concellos.

O conxunto de emendas que se van presentar ao orzamento da Xunta son diversas e moitas delas históricas, xa que o PSdeG de Salceda leva demandando que se recollan nos orzamentos da Xunta durante varios anos de forma consecutiva.

Relacionadas co desenvolvemento de infraestruturas e a mobilidade o PSdeG-PSOE de Salceda volveu a presentar a realización completa do enlace coa estrada PO-511, na parroquia de San Xurxo e a súa iluminación, a realización da rotonda da Lagoela ou a urbanización da zona da Tabernanova, na parroquia de Soutelo.

No eido da educación a agrupación socialista local céntrase de novo na presentación das emendas para solicitar un proxecto de un novo colexio de primaria, a construcción do comedor escolar para o CEP Altamira, unha segunda Galiña Azul ou a construcción dun patio cuberto con canalización para augas pluviais no CRA Raíña Aragonta. No que respecta ao eido do coidado das persoas maiores trasládouse igualmente a emenda de investimentos para a construcción dun Centro de Día para Salceda, para o que hai unha subvención solicitada.

Na área de deporte as emendas presentadas polo PSdeG-PSOE de Salceda son as relacionadas coas demandas acordadas no Consello sectorial do Deporte, que forma parte do Consello de Participación Veciñal de Salceda. Neste caso se tomouse a decisión, de solicitar á Secretaría Xeral do Deporte as dúas actuacións que se consideraron prioritarias relacionadas co campo municipal da Gándara e co Pavillón Polideportivo municipal. Presentáronse tamén as demandas de investimentos para a execución dos proxectos de saneamento integral das parroquias de Soutelo e Entenza, indipensables aos ollos do grupo municipal socialista.

Verónica Tourón secretaria xeral: “É importante sinalar con detalle aquelas carencias dos orzamentos que provocan a falla de investimentos esenciais por parte da Xunta de Galicia en Salceda de Caselas, e materializalas en emendas para que poidan ser tidas en conta e mellorar así a calidade de vida da veciñanza.”

Paloma Castro parlamentaria do PSdeG: “É de vital importancia que as nosas agrupacións locais realicen un exercicio de control dos orzamentos autonómicos para reclamar a través das emendas que a Xunta de Galicia atenda ás demandas de investimento máis importantes nos seus respectivos concellos”.