O PSdeG de Ribadavia denuncia o abandono da estrada OU-504

Acusa ao alcalde de “non facer o seu traballo” e acudirán á Axencia Galega de Infraestruturas

Ribadavia | O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia “os tres anos de abandono, desidia e incapacidade de xestión” do alcalde do PP, César Manuel Fernández coa estrada OU-504 ao seu paso por San Cristovo, unha vía cuuxo arranxo leva sendo reclamado polos veciños e as veciñas e que a día de hoxe continúa sen unha solución definitiva.

“César Manuel Fernández leva máis de tres anos sabendo que hai un problema e máis de tres anos sen solucionalo. Non estamos falando dunha cuestión nova nin dunha sorpresa, xa que sabe perfectamente o que había que facer, sabe que existía un compromiso coa AXI e, simplemente, non fixo o seu traballo”, denuncian desde o grupo municipal socialista.

Sen facer o que estaba comprometido
O PSdeG-PSOE lembra que durante o anterior mandato municipal se acometeron obras de acondicionamento das beirarrúas de San Cristovo e que se decidiu non executar o asfaltado definitivo da estrada mentres se realizaban esas actuacións. “Era puro sentido común. Non se podía asfaltar unha estrada para despois levantala novamente ao executar as obras das beirarrúas. Por iso se coordinou coa AXI que o asfaltado se completaría posteriormente”, explican.

Porén, unha vez rematadas esas obras, o asfaltado pendente nunca chegou. “E aquí está o problema, o que tiña que ser unha actuación coordinada acabou converténdose nunha espera de máis de tres anos. As beirarrúas fixéronse, pero a estrada segue esperando. E mentres tanto, os veciños teñen que soportar o deterioro do firme”, sinalan as e os socialistas.

Desde o PSdeG-PSOE consideran que non é aceptable que se deixe pasar outro verán sen executar o asfaltado e que os veciños teñan que afrontar novamente o deterioro da vía coa chegada das chuvias. “Non vale que o alcalde se acorde da estrada cando chega o inverno, cando o problema xa está enriba da mesa desde hai máis de tres anos. Había todo un verán para actuar e, unha vez máis, non se fixo”, reprochan.

“Se o alcalde non fai o seu traballo, faráo o PSOE”
Ante a “inacción” do goberno municipal, o grupo municipal socialista anuncia que remitirá directamente un escrito á Axencia Galega de Infraestruturas, reclamando o cumprimento do compromiso existente e achegando documentación gráfica sobre o estado actual da OU-504. “Se César Manuel Fernández non é quen de reclamar á Xunta, reclamaremos nós. Se non é quen de enviar fotografías do estado da estrada, enviarémolas nós. E se non é quen de defender á veciñanza de San Cristovo, faráo o PSOE”, sinalan.

O PSdeG-PSOE reclama así que a Xunta e a AXI executen canto antes o asfaltado pendente da O-504 en San Cristovo e esixe ao alcalde de Ribadavia que abandone “a pasividade” e exerza as súas responsabilidades como máximo responsable municipal. “As veciñas e os veciños de San Cristovo non necesitan máis promesas, necesitan que se arranxe a estrada. E despois de máis de tres anos, César Manuel Fernández xa non ten escusas”, conclúen os socialistas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.