
Ourense | O PSdeG-PSOE, representado pola súa executica local e provincial, rendeu homenaxe a todas “aquelas persoas que loitaron pola liberdade, moitas delas pagando un prezo moi alto” no 95 aniversario da II República.
No acto, que tivo lugar no Cemiterio de San Francisco e no que se realizou unha ofrenda floral aos represaliados, interviron a secretaria xeral de Ourense, Natalia González Beneitez; o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo; o secretario de formación das Xuventudes Socialistas, Daniel Barredo e o secretario provincial de Memoria Democrática, Xosé Lois Carrión.
Natalia González expresou que “a súa memoria obríganos a non esquecer, a defender a democracia cada día e a seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta. E por iso tamén, as socialistas, levamos tempo facendo propostas claras e necesarias en materia de memoria democrática”.
Explicou que “estas propostas pasan por dignificar os espazos da memoria, como que o Campo de Aragón, sexa declarado por fin, lugar de memoria e que teña o nome como Praza da Segunda República; propostas para retirar simboloxía franquista que aínda persiste, para recoñecer ás vítimas e ás súas familias, e para impulsar iniciativas educativas que garantan que as novas xeracións coñezan a nosa historia”.




