O PSdeG de A Peroxa denuncia a paralización total da residencia de maiores

Con case 60 prazas que xerarían 25 postos de traballo

A Peroxa/PSdeG | O PSdeG-PSOE de A Peroxa denuncia a paralización total do proxecto de construción dunha residencia de maiores en Os Peares, con case 60 prazas e que supostamente, e segundo manifestou o alcalde do Partido Popular, Manuel Seoane, xeraría 25 postos de traballo. A realidade a día de hoxe, tal e como afirman os socialistas, é que non hai nin rastro nin da residencia, nin dos postos de traballo prometidos e critican que o gran protagonista é o “escurantismo” polo que lle esixen o grupo de goberno “transparencia e que informe a veciñanza do que vai acontecer con este proxecto”.

Un proxecto que xorde a través dunha axuda de 200.000 euros da Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense (Adercou), da que o alcalde da Peroxa é ademais presidente. Con esta axuda e un investimento total de 1.270.000 euros anunciábase “a bombo e platillo” este proxecto nos Peares, pero a realidade tal e como manifestan os socialistas tras consultar numerosa información é que “a axuda de Adercou figura como renuncia e a escavación atópase totalmente paralizada dende hai semanas”.

“Un proxecto que xorde a través dunha axuda de 200.000 euros da Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense (Adercou), da que o alcalde da Peroxa é ademais presidente”

Para o voceiro do PSdeG-PSOE en A Peroxa, Antonio González Fiuza, este é un exemplo máis dos anuncios “grandilocuentes que rematan en nada” dun alcalde do que di “busca poñerse medallas constantemente” e apunta a que a “realidade é a que vemos co proxecto de residencia de maiores dos Peares, que as obras se paralizan, que as máquinas desaparecen e que ninguén da ningún tipo de información sobre o que acontece”.

Dende o PSdeG-PSOE de A Peroxa esíxenlle ao grupo de goberno coñecer que vai pasar con ditos investimentos e critican a falta de transparencia do rexedor, ao alegar que “non sabemos se se perdeu a axuda, se se vai investir nos Peares, se se vai a redefinir o proxecto ou directamente levar os investimentos a outra zona”.

Os socialistas tamén critican a ausencia de “autocrítica” por parte do rexedor ao que acusan de “botar balóns fóra e culpar, como xa é un clásico, a outras administracións”. Neste senso sinalan que primeiro lle botou a culpa a Confederación Hidrográfica por falta de permisos, logo as entidades bancarias por problemas cos avais “de quen é a culpa agora cunha obra paralizada e na que nos últimos meses non se ve movemento?”, pregúntanse os socialistas.

González Fiuza apunta a que a situación “é moi preocupante” e sinala que “hai moita inquedanza entre a veciñanza pois prometéuselles unha residencia a carón da casa para os seus maiores e postos de traballo para a xente dos Peares e do resto do Concello que non dan chegado”. O voceiro socialista lembra tamén que “nada máis comezar a escavación, o rexedor xa ofrecía postos de traballo e houbo moitos veciños e veciñas que se formaron en axuda aos maiores e a dependencia para poder optar aos mesmos e atópanse agora que non hai absolutamente nada”.

Os socialistas tamén denuncian que as máquinas fosen retiradas con “nocturnidade” e subliñan que o “único obxectivo era que a veciñanza non preguntase porque se abandonaba dita escavación”. Unha escavación que segundo manifestan dende o PSdeG de A Peroxa “quedou abandonada en plena entrada a Ribeira Sacra, algo que nos preocupa porque é un mal exemplo para unha zona na que hai un famoso plan de protección e que parece que se esqueceron”.

Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que xa no pleno do 20 de novembro de 2020 preguntaron pola localización do proxecto, quen era o dono da empresa que se ía facer cargo e se tal e como recollía a prensa sería de xestión privada. “A resposta que nos deu o rexedor foi simplemente que o nome do promotor non o debería dicir”, sinala o voceiro socialista, que tamén apunta que “nos xa sabiamos tras buscar a documentación que a empresa era Soto e Cid SL, pero sorprendeunos esta mostra de escurantismo do señor alcalde”.