O PSdeG dará inicio ao seu XIV Congreso co lema “A Galicia que Avanza”

Proclamará este 7 de decembro a Valentín González Formoso como novo secretario xeral
Blas García (centro) xunto a Teresa Facal e Ana Pena, representantes da Comisión Organizadora do conclave do socialismo galego.

Santiago de Compostela/PSdeG | O PSdeG celebrará os próximos 7 e 8 de decembro o seu 14 Congreso co lema “A Galicia que Avanza” e co obxectivo de “abrir unha nova etapa de modernización” das estruturas do partido. Así o anunciaron hoxe Blas García, Teresa Facal e Ana Pena como representantes da Comisión Organizadora do conclave que comezará coa proclamación de Valentín González Formoso como secretario xeral e contará con Pedro Sánchez para a clausura o mércores día 8.

Blas García explicou que o propio lema do conclave foi escollido en sintonía coa liña marcada pola dirección federal incluíndo ademais a particularidade galega para abrir “unha nova etapa na que deixemos claro que hai outra Galicia que sae dos gobernos socialistas nos concellos e as deputacións galegas”. Puntualizou que o PSdeG traballará para poñer en valor aos máis de 10.000 militantes cos que conta, e que constitúen “o activo máis importante” co que conta a organización.

O Congreso mobilizará a máis de 1.000 militantes citados o próximo martes no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, incluíno aos 500 delegados e delegadas elixidos nas agrupacións locais.

“O Congreso mobilizará a máis de 1.000 militantes citados o próximo martes no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela”

A xornada inaugural acollerá, sinalou, a apertura e proclamación de Valentín González Formoso logo de vencer nas eleccións primarias do PSdeG, que intervirá xunto co secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán. Nesta xornada estarán convidados os expresidentes socialistas Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, ademais de representantes dos sindicatos galegos e dos socialistas de Portugal.

A xornada acollerá o informe de xestión do anterior secretario xeral, e serán debatidas as 2.148 emendas presentadas á Ponencia Marco. Xa pola tarde terá lugar o voto dos ditames das cinco comisións do Congreso, que analizarán as “Institucións ao servizo do país”, a situación económica de Galicia, políticas de benestar, territorio e sustentabilidade e modelo de partido e os estatutos de organización para os próximos 4 anos.

“A xornada acollerá o informe de xestión do anterior secretario xeral, e serán debatidas as 2.148 emendas presentadas á Ponencia Marco”

A segunda xornada, xa o 8 de decembro, comezará coa votación dos órganos nacionais galegos, que son a Comisión Executiva Nacional Galega, o Comité Nacional Galego, o Comité Federal e a Comisión de Ética.

Como remate terá lugar a clausura do evento a cargo do novo secretario xeral, Valentín González Formoso, xunto co secretario xeral do PSOE e presidente do goberno, Pedro Sánchez.

Emendas
Blas García salientou o traballo inxente da Comisión organizadora do Congreso, que en menos de 30 días culminou a preparación dun certame que normalmente levará dous meses de dedicación. Neste traballo inclúe a xestión das 2.148 emendas presentadas á Ponencia Marco do 14 Congreso do PSdeG.

Entre as emendas presentadas polas agrupacións sinalou a reclamación dos colectivos feministas subliñando que “a igualdade ten sexo”, así como varias aportacións dirixidas a modernizar as estructuras do partido. Apelou tamén a necesidade de conformar canto antes unha alternativa política aos gobernos conservadores de Núñez Feijóo. Destacou do novo Secretario Xeral, González Formoso, que “é unha persoa que ten unha destacada capacidade de diálogo e integración, como se verá no Congreso”. E sinalou que “é preciso un PSdeG no que todos rememos na mesma dirección”.

Gonzalo Caballero: “un PSdeG forte con liberdade e democracia interna”
Gonzalo Caballero reivindicou hoxe a importancia dos “dereitos democráticos” nos partidos políticos e, nomeadamente, no PSdeG, unha formación que “sempre se caracterizou pola defensa da democracia, da participación e da liberdade”.

Así pois, sinalou que o PSdeG ten un novo secretario xeral elixido en primarias á vez que outros cargos serán elixidos no 14 Congreso do PSdeG, e que as normas do partido contemplan a presentación de candidaturas para dar voz e representación no partido. “Se non se dá vía á participación a través da integración, é lexítimo e democrático que haxa compañeira/os que poidan presentar candidaturas para representar á militancia, á esquerda e ás agrupacións locais”, subliñou Gonzalo Caballero, quen rexeitou calquera tipo de “ataque ás liberdades e á democracia interna” no PSdeG.

“Necesitamos un partido forte, con órganos fortes e democráticos”

As normas establecen que se unha candidatura obtén un 20% dos votos estará presente nos órganos que se elixen. En opinión de Caballero, o 14 Congreso Nacional do PSdeG debe “fortalecer o PSdeG para seguir avanzando” e trasladou respaldo e apoio a Formoso como novo secretario xeral electo. Pero ademais, sinalou, “necesitamos un partido forte, con órganos fortes e democráticos”.