O produtor catalán Raül Refree desenvolve proxecto sobre a música tradicional galega

A través dunha residencia artística en Galicia

Santiago de Compostela | O produtor catalán Raül Refree, que vén de traballar con Rodrigo Cuevas, Silvia Pérez Cruz, Rosalía ou a fadista Lina, está inmerso agora nun proxecto de investigación arredor do noso patrimonio musical en colaboración con LUNEDA PRODUCIÓNS, que o acompaña na descuberta de arquivos sonoros e propicia encontros con artistas referentes da nosa música de raíz.

Refree entrou en contacto coa música tradicional galega a través do traballo de LUNEDA PRODUCIÓNS, e a súa fascinación foi inmediata. A partir de aí, foise tecendo unha relación de descubertas musicais que desemboca agora nesta residencia artística que durante unha semana lle permitirá coñecer as principais fontes do noso patrimonio sonoro e manter encontros con algúns dos proxectos referenciais neste momento.

Despois de poñer ao flamenco no máis alto das novas tendencias musicais en todo o planeta, o produtor catalán achégase agora con enorme curiosidade á nosa tradición musical, con vontade de empaparse das sonoridades que nos trasmitiron as nosas maiores, de coñecer os procesos de recollida e aprendizaxe, e de profundizar na verdade e na singularidade dun patrimonio que afortunadamente foi recollido e custodiado a tempo. Unha das entidades nas que se conserva unha boa parte desas recollidas é o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, a onde Refree se achegará para descubrir algúns dos tesouros sonoros máis representativos do arquivo da man da súa responsable, Concha Losada.

A partir de aí, desenvolveranse encontros nos que o produtor terá a oportunidade de achegarse aos procesos creativos de varios proxectos musicais galegos que traballan arredor da tradición. A cantante FAIA, que se atopa nestes momentos ensaiando o seu novo espectáculo, será unha das artistas que participarán na residencia, á que se sumarán tamén os proxectos das pandereteiras Pan Sen Fron, Bouba e Tanxugueiras; a violinista do trío Oîma, Antía Ameixieras; e o gaiteiro Pedro Lamas. Dentro do ámbito das recollas, coñecerá os traballos de compilación e creación de figuras como Quique Peón, Xurxo Fernandes e Pablo Díaz; e os arquivos rexistrados por Xulia Feixóo e Guillerme Ignacio, que ademais facilitarán un encontro moi especial coa señora María do Caño, informante da Illa de Ons.

Esta residencia artística está apoiada polo Concello da Coruña e ten como obxectivo posibilitar unha experiencia de inmersión na música tradicional galega para que Refree poida coñecela en profundidade e estudar as súas posibilidades creativas; ao tempo que se propicia o intercambio con proxectos musicais de raíz para abrir unha porta á innovación, á investigación e á visibilidade da música galega. Os encontros están sendo documentados fotograficamente por Rocío Cibes e filmados baixo a singular ollada do cineasta Fon Cortizo.