“O PPdeG négase a crear unha comisión de investigación da corrupción”

Denunciou o representante socialista Pablo Arangüena

Santiago de Compostela/PSdeG | O PP de Galicia evitou, hoxe, rexeitar “con contundencia calquera forma de corrupción, en particular a asociada ao partido que sustenta”. Fíxoo, no Pleno do Parlamento logo de vetar unha moción socialista neste senso e negarse a constituír unha comisión de investigación para esclarecer a conexión do PPdeG cos casos de corrupción do PP nacional.

“Tanto o ex xerente do PP, Cristóbal Páez, como Bárcenas confirmaron que a última operación da caixa B do PP foi un pago en efectivo procedente do PP de Pontevedra por valor de 50.000 euros”, aseverou o responsable socialista, quen incidiu en que isto ocorreu en 2010 “cando o señor Feijóo e o señor Rueda levaban xa 4 anos como máximos responsables do PP de Galicia”.

Neste senso, incidiu en que “os señores Bárcenas e Páez teñen avogados distintos, estratexias procesuais distintas e lévanse recoñecidamente mal, pero achegan detalles distintos e perfectamente complementarios sobre este mesmo feito”, sinalou o socialista. Así, subliñou que “Luis Fraga, sobriño o seu fundador e curmán do señor Puy, di que Bárcenas lle merece total credibilidade”.

“Hai unha relación detallada de ingresos de empresas que presuntamente era a contabilidade B do PP de Galicia cando Feijóo xa era presidente do partido, no ano 2006”

Ademais, Arangüena sinalou que entre os documentos que presentou Bárcenas na Audiencia Nacional “hai unha relación detallada de ingresos de empresas” que “presuntamente era a contabilidade B do PP de Galicia cando Feijóo xa era presidente do partido, no ano 2006”. A contía ascende, destacou, a “2 millóns de euros en mordidas do PP de Galicia, tres anos antes de que o señor Feijóo chegase a presidente da Xunta”.

O vicevoceiro socialista subliñou tamén que “na recente investigación do caso Kitchen sobre a espionaxe e roubo de documentación a Bárcenas, a única contabilidade que aparece citada como tal é xustamente a do PP de Galicia”.

O PP de Galicia “foi dopado ás eleccións de 2009”
Nesta liña, lembrou que Pablo Crespo, ex secretario de organización do PP de Galicia, “recoñeceu nunha comisión do Congreso que o PPdeG estaba implicado ata as cachas na financiación ilegal do PP”, ao tempo que “o fixo en distintas entrevistas nas que declarou que tamén houbo sobres na súa etapa e que a financiación do PP de Galicia era algo coñecido e institucionalizado”.

“Se o PP de Galicia tiña unha caixa B no ano 2010 e considerando que a caixa B dun partido se utiliza, entre outras cousas, para pagar campañas electorais, é obvio que o PP foi dopado ás eleccións do ano 2009 tralas que o señor Feijóo chegou á Xunta de Galicia”, sentenciou o responsable socialista.

A corrupción do PPdeG “plenamente vixente”
Así, Arangüena censurou que a corrupción do PP estea “plenamente vixente” cando o sindicato CSIC “asegura que o conselleiro de Medio Rural ‘consolida Agader como a oficina pública de emprego do PP’ e sitúaa ‘unha vez máis, no centro do nepotismo administrativo’ despois de enchufar alí ó ex alcalde de Fisterra e o ex deputado Moisés Blanco”.

Ademais, Arangüena censurou “a recente condena por corrupción” a 2 años de prisión e 8 anos de inhabilitación de Rafael Louzán, quen foi presidente do PP de Pontevedra ata o ano 2015 e presidente da Deputación de Pontevedra “durante anos”, así como de quen fóra delegada da Xunta na provincia, Luísa Piñeiro.

Por todo isto, considerou que a creación dunha comisión de investigación “está máis que xustificada” cando a primeira sentencia do caso Gürtel fala dun “auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional”.

“A creación dunha comisión de investigación ‘está máis que xustificada’ cando a primeira sentencia do caso Gürtel fala dun ‘auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional”

Así, incidiu, que é preciso “esclarecer a parte que lle toca ao PPdeG na trama de corrupción” do partido cando Feijóo “leva anos negando e relativizando” os casos de corrupción do PP e “as probas e indicios dos casos Bárcenas, Gürtel e Kitchen pasan por Galicia e rematan aparentemente en Galicia”.

Esixe “transparencia e garantías” cos fondos europeos Next Generation
Por último, Arangüena urxiu ao presidente da Xunta a “disipar as fundadas sospeitas que pesan sobre o goberno que ten que contribuír a xestionar a maior riada de fondos europeos que recibiu Galicia”. Por iso, instou ao goberno galego a “ofrecer transparencia e garantías de que nin un euro dos fondos Next Generation van acabar nunha conta en Suíza ou Panamá”.

“Se a corrupción é sempre preocupante nun sistema democrático, hoxe é máis preocupante ca nunca porque a esperanza económica e social do noso país reside nos fondos Next Generation”, alertou o socialista. Así, recalcou, “se a ética pública era imprescindible antes da pandemia, no mundo postpandemia vai selo máis aínda porque, a risco de exercer de Casandra, prognostico que temos por diante tempos moi difíciles nos cales todas e todos deberíamos tratar de estar á altura”.