O PP presentou emenda de Mos para os Orzamentos Xerais

Con relación á remodelación da intersección da N-550 en Pombal-Louredo

Mos | O Partido Popular insiste “na urxencia e necesidade” de que o Goberno central inclúa nos Orzamentos Xerais para o ano 2023 a remodelación da intersección da N-550 en Pombal-Louredo, en Mos, e por iso é unha das sete emendas deste Concello que os deputados nacionais rexistraron no Congreso.

Así o fixo saber trala reunión da alcaldesa Nidia Arévalo cos veciños desta parroquia acompañada polos deputados nacionais Ana Pastor, Javier Bas e Diego Gago.

Ademais da remodelación da intersección da N-550 en Pombal-Louredo, para o Concello de Mos os deputados populares rexistraron outras seis emendas, entre elas a eliminación da peaxe no Porriño; a implantación de medidas contra o ruído na A-52 e A-55 ao seu paso por Sanguiñeda; a construción dun enlace na A55 no Polígono Industrial da Veigadaña; construción da rotonda na confluencia da AP-9, A-55 e N120; humanización da N-550 e construción dunha rotonda na N-120 ao seu paso por Tameiga.

Os deputados do PP rexistraron máis de cen emendas da provincia aos Orzamentos Xerais do Estado para 2023, que ascenden a 331 millóns de euros.